O Liceo de Noia acolle este sábado a presentación de “Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza”


Este sábado 18 ás 20 horas, a Asociación Cultural Barbantia e a Fundación Galiza Sempre, presentarán, na Sociedade Liceo de Noia, o último libro de Francisco Rodríguez. Trátase do volume I dunha obra que, ao longo de 544 páxinas e nunha coidadísima edición, percorre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza, e a crise da segunda metade do século XIV. O seu título: Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I A relevancia do reino medieval galego, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración da Fundación Galiza Sempre.

Feito con vontade de deitar luz sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido, o libro nace tamén, en palabras do autor, da “necesidade de colaborar co coñecemento sobre a nosa historia”.

Este Tomo I que agora ve a luz céntrase en evidenciar a relevancia incuestionábel do reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes. Segundo engade o autor, a obra “tamén toma en consideración a importante, e desconsiderada, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, favorecendo así a construción dunha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois”.

• Lugar: Liceo de Noia
• Ás 20 h.
• Interveñen:
◦ Óscar Prego, presidente da S. Liceo de Noia
◦ Patricia Torado: Asoc. Cultural Barbantia
◦ Francisco Rodríguez: Autor