O Elma acolle o 11 de xuño a proxección da curtametraxe “Rompente”

Rompente, curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, proxectarase no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal o vindeiro 11 de xuño ás 21.00 horas. Organizado pola Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), o acto contará tamén cun posterior coloquio co director e co protagonista desta peza audiovisual.

O filme mereceu a Biznaga de Prata á mellor curta de ficción na vixésimo quinta edición do Festival de Málaga, amais de ter gañado a sección de ficción na edición 2022 do Festival de Cans. O elenco está composto por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano.

A entrada é libre ata completar a cabida.

A curta Rompente, do cineasta de Simes (Pontevedra) Eloy Domínguez Serén, xira arredor da vida de Santi, un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marisquea de maneira furtiva. Mentres, a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.