O colectivo SalvemosPonteNafonso alzou a voz contra a rehabilitación perpetrada na ponte

Este domingo 5 de xullo ás 20h en Ponte Nafonso, convocouse unha concentración en repulsa pola actuación recente na Pontenafonso. Foi unha concorrida mobilización na que se leu un manifesto no extremo da ponte pertencente a Outes: unha declaración colectiva de rexeitamento emitida polo colectivo SalvemosPonteNafonso na que a cidadanía integrante desta asociación expresou a súa “total repulsa” que, segundo fixeron saber, “arrebátanos séculos de historia”. No manifesto, ademais, esíxense “responsabilidades, explicacións e reflexións, para adoptar solucións á desfeita”, sinálase.

Segundo lembraron, “SalvemosPonteNafonso xorde da fatiga dun pequeno grupo de profesionais, unidos á veciñanza do lugar, cansos de ver a pouca delicadeza coa que se leva a cabo unha actuación tan especial coma a posta en valor da histórica ponte”. Nas súas palabras, trátase “dunha mostra total e absoluta de falta de amor polo propio, de pouca sensibilidade ás preexistencias, aos valores, á cultura, ás raíces e ao que somos”.

Estado actual das reformas na ponte

Manifesto #SalvemosPonteNafonso

Deturpar: Facer que unha cousa perda a súa forma orixinal alterando a súa estrutura ou características. Tornar fea (unha cousa), privala de beleza.

Definición exacta do que se está a facer coa Ponte Nafonso, un dos símbolos máis senlleiros da nosa ría de Muros e Noia, un monumento que data do S. XIV e unha das pontes medievais máis importantes de toda Galicia.

Contan as lendas que o arquitecto que dirixía as obras, de nome Alfonso, era irmán do que construía o mosteiro de Toxosoutos (Lousame). Fixeron ambos a promesa de que non verían a obra do outro irmán ata que estivese rematada. Alfonso non cumpriu a promesa e recibiu como castigo que a súa obra non puidese ser rematada, de aí xurdiu a copla ‘Adeus ti, Ponte Nafonso, non sei quen acabarache, 30 anos me levaches, flor da miña mocedá’.

Alfonso deixounos a oportunidade de rematar a súa grande obra, por contra, optaron por esnaquizala, mostrando unha total falta de sensibilidade e amor polo propio.

Esta xoia que ten sete séculos de historia, é unha das ponte medievais máis longas de Galicia, pois se aproxima aos 270 metros. O seu ancho, de 5 metros, tamén a converte nunha das máis destacadas. Unha ponte que nunca tivo boa sorte, xa que distintas reformas, e a reedificación realizada entre 1842 e 1844, foron modificando o seu aspecto. Esta fermosa ponte, traballada en granito por profesionais canteiros, atópase sostida por 20 arcos, aínda que na súa orixe chegaron a ser 27. Debido as distintas ampliacións ten arcos de diferentes estilos, así como gran variedade tipolóxica de tallamares, uns elementos, estes últimos, que son os que a dotan dunha personalidade propia entre as pontes do seu estilo. A demolición do seu tamén característico peitoril e a súa substitución por unha varanda metálica, foi obra da Xefatura de estradas no S. XX, perpetrando unha nova deturpación do ben en favor do tráfico rodado.

Finalmente, en 2021, chega o esperado anuncio das obras de “reparación e posta en valor da Ponte Nafonso”, acollidas con esperanza e ilusión pola veciñanza. Unha ilusión botada por terra, por unha actuación sen delicadeza e sen ningún tipo de encaixe co marabilloso traballo dos elementos primixenios.

O desastre… unha improvisación tras outra, que non recupera un peitoril respectuoso coa historia da Ponte Nafonso, e que ademais remata por esconder outros dos seus elementos máis característicos, os tallamares. Coa xustificación da imposibilidade de manter a cota da lousa de formigón derivada das canalizacións de telefonía e das grapas anteriores, óptase pola solución máis sinxela, pero tamén a máis prexudicial para a ponte, elevar o nivel do firme. De aí derivarán as continuas improvisacións que rematan cunha ponte totalmente deturpada, ofrecendo ao seu paso a visión dunha ponte totalmente nova que non ten nada que ver coa apreciada Ponte Nafonso, unha xoia destruída co beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio.

“SalvemosPonteNafonso” xorde da fatiga dun pequeno grupo de profesionais, unidos á veciñanza do lugar, cansos de ver a pouca delicadeza coa que se leva a cabo unha actuación tan especial coma esta. Unha mostra total e absoluta de falta de amor polo propio, de pouca sensibilidade ás preexistencias, aos valores, á cultura, ás raíces e ao que somos. Queremos alzar a voz para expresar a nosa total repulsa contra esta actuación que nos arrebata séculos de historia, e exiximos responsabilidades, explicacións, e reflexión, para adoptar solucións a esta desfeita.