O BNG de Boiro vén de presentar en rolda de prensa, xunto coa Deputada, Rosana Pérez e o
Deputado da área de deportes, Daniel Castro, as iniciativas encamiñadas a buscar as axudas
precisas para a subsistencia do Club de Volei “Rotogal Boiro” e a súa viabilidade deportiva na
Superliga a vindeira tempada 22-23.
Desde hai uns meses, e tras diversas reunións coa directiva da entidade, desde o BNG vénse
traballando para que o goberno municipal, dentro das funcións que ten encomendadas,
busque solucións que teñan como finalidade evitar a desaparición dun Club que pasea o nome
de Boiro por todo o estado e que contribúe de forma activa a que nenos e nenas do noso
municipio poidan practicar en óptimas condicións o deporte do Volei, sen que, non obstante,
desde a administración local se lle preste a atención merecida.
A negativa do goberno boirense non só a adoptar medidas concretas que atenúen a deficiente
situación económica da entidade senón, incluso, a estudar solucións que contribúan á
continuidade da referida sociedade deportiva, provocou que desde o BNG se levasen a cabo
diversas actuacións que neste caso se concretan en solicitar á Secretaría de Deporte da Xunta
de Galiza medidas tendentes a manter a viabilidade do Club, conscientes de que toda axuda é
importante para evitar a súa desaparición, emendando, deste xeito, a desidia e abandono das
súas funcións por parte do goberno municipal.




