O alcalde ribeirense busca solucións ás carencias de atención primaria en centros do municipio

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, leva dende fai semanas realizando xestións coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza para que se ofreza unha solución aos déficits no servizo de atención primaria que por motivos de baixas laborais se están a rexistrar nalgúns centros de saúde do municipio, particularmente nos de Palmeira e Santa Uxía.
Neste senso, o rexedor municipal declarou estar preocupado por esta situación e confía en que as súas xestións poidan dar resultados positivos, ofrecendo a curto prazo unha solución a esta problemática,
cando menos de forma parcial.

Ademais, o alcalde comprende a apoia concentracións como a celebrada onte pola veciñanza de Palmeira en defensa das súas reivindicacións.
Por último, Ruiz Rivas manifesta ser consciente de que esta merma na atención primaria non é exclusiva do concello, da comarca ou de Galicia, senón que está estendida de xeito xeralizado no ámbito do
Estado. A este respecto quere expresar tamén o seu apoio á Xunta de Galicia nas súa reclamacións ao Goberno Central para que dentro das súas competencias este tome tomen medidas dirixidas a resolver
de forma definitiva os problemas de escaseza de persoal sanitario.