En Ribeira o luns abre a preincrición dos campamentos de conciliación

O Concello de Ribeira recupera este ano os Campamentos de Conciliación coa intención de
ofrecer ás familias do municipio unha alternativa cultural e de lecer para os seus fillos e fillas coincidindo coas datas das vacacións escolares.
A concelleira de Cultura, María Sampedro, explicou que este ano ofertaranse 200 prazas, distribuídas en diferentes campamentos e organizados segundo as idades dos participantes xa que neles poderán participar nenos e nenas de 3 a 12 anos.
O horario de celebración dos campamentos será de 9 a 14 horas aínda que abrimos a posibilidade de que as familias poderán deixar aos participantes xa dende as oito e media e recollelos ata as dúas e media, unha novidade nesta edición que facilitará aínda un pouquiño máis a conciliación familiar. Ademais para favorecer hábitos saudables entre os participantes e as súas familias, un día á semana será o Concello o que se encargue de subministrar unha froita na merenda de media mañá aos nenos e nenas. Indicar tamén que a empresa adxudicataria ofrecerá servizo de madrugadores (de 8 a 9h) e comedor (de 14 a 16h) sempre e cando se inscriban un mínimo de 10 participantes; e servizo de comedor cun mínimo de 15. Estes servizos serán abonados directamente polas familias á empresa previa contratación privada.
Outra das novidades deste verán, ademais de ofrecermos os campamentos nos meses de xullo e agosto é que tamén haberá un campamento urbano para a última semana de xuño (do 23 ao 30) e os primeiros días de setembro ata que comece o colexio (do 4 ao 9) para así contarmos cunha oferta completa ao longo de todo o período vacacional e da que poderán botar man sobre todo aquelas familias que por motivos laborais teñan que traballar nestes meses. Este campamento urbano de xuño e setembro contará cun total de 50 prazas, e desenvolverase polas rúas da cidade, sendo o lugar de encontro e recollida no CEIP O Grupo de Ribeira.

Xa nos meses de xullo e agosto teremos o campamento “Xoga con Nós” con 120 prazas para nenas e nenos de 3 a 8 anos, e o campamento de inglés “Camp of Cultural Summer” con 30 prazas, para os nenos de 9 a 12 anos. Estes dous campamentos serán no CEIP O Grupo.
En todas estes campamentos os participantes gozarán de diversas actividades, no interior do recinto e tamén polas rúas de Ribeira para coñecer a nosa cidade, o noso patrimonio cultural e medioambiental,
contarán con obradoiros de igualdade, de novas tecnoloxías, actividades deportivas, e moitas outras propostas de ocio e divertimento.
Destas 200 prazas reservamos o 10% delas para emerxencia social (12 para Xoga con Nós, 3 para Camp of cultural Summer, 5 para campamento urbano) que deberán derivarse dende a área de Servizos Sociais do Concello de Ribeira a través dun informe ou relación detallada elaborada polos profesionais do departamento e estando estes participantes exentos do pago da matrícula.
O prazo de preinscrición será do 6 ao 14 de xuño de 2022 (ambos inclusive) e as solicitudes faranse a través do Rexistro Xeral do Concello de Ribeira: de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá do Concello (atención ao público de 9.00 h. a 14.00 h.) ou de forma telemática a través da web www.ribeira.gal
As familias, no momento da preinscrición, deberán escoller a modalidade de campamento que elixe e presentar xa toda a documentación necesaria. As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse o 17 de xuño na páxina web do Concello de Ribeira.
En caso de que a demanda supere as prazas ofertadas a orde de prioridade será a seguinte:

  • Familias monoparentais nas que traballe o proxenitor.
  • Familias nas que traballen os dous proxenitores.
  • Familias nas que traballe un dos proxenitores.
  • Persoas empadroadas no municipio de Ribeira.
  • Por rigorosa orde de inscrición segundo o número do Rexistro.
  • Empadroados noutro municipio.

As persoas que aparezan como admitidas na listaxe deberán realizar o pagamento do importe correspondente (con ou sen bonificación) mediante autoliquidación do 17 ao 22 de xuño.
En canto ao prezo, e xa para rematar, destacar que están subvencionados polo Concello de Ribeira e son o máis axustados posibles tendo en conta o custo real do servizo dende os 42 euros do campamento urbano, os 85 euros mensuais do Xoga con Nós que quedarían en 150 € se se elixen os dous meses, ou 180 € se se escolle a modalidade de verán completo dende xuño ata setembro.
En canto ao campamento de inglés os prezos serán de 95 € por un mes, 170 os dous meses e 200 € na modalidade de verán completo.
Ademais interesados en contribuír na diminución do esforzo que pode representar para familias incluídas dentro dos colectivos vulnerables para facilitar a participación nestas actividades con prezo público deste programa, proponse a aplicación dun desconto do 20% sobre o importe de matrícula aos fillos/as das familias que reúnan algunha das seguintes condicións: familias numerosas, familias acolledoras ou
monoparentais, familias con dous ou máis inscritos nesta actividade, desempregados de longa duración ou familias nas que o participante acredite unha discapacidade de ao menos o 33%.
“Cremos polo tanto que recollemos con estes campamentos as principais necesidades de conciliación das familias así como atendemos ás diferentes circunstancias de vulnerabilidade ou situacións económicas facilitando estas bonificacións”, explicou María Sampedro.