“Eduardo Barreiros, un cómic sobre un galego universal”. Alberto Barciela

Eduardo Barreiros foi un inventor e empresario industrial español, pioneiro do mundo do motor. Nacido en Gundiás, Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense, en 1919, faleceu na Habana, Cuba, fai agora trinta anos, tras facer realidade Barreiros Diesel, en dúas etapas e en dous continentes, e lograr unha serie de fitos polos que se considera o pai da automoción en España.

A memoria deste emigrante, convertido xa en mito, cóidaa a Fundación Eduardo Barreiros, presidida con acerto pola súa filla Mariluz, persoa tamén de innumerables méritos, que soubo proxectar a figura do seu pai como exemplo de superación, esforzo, perseveranza e bo corazón, como un referente de compromiso coa creación de riqueza, emprego e benestar social.

Agora, coa oportunidade pospandémica, nun mundo convulso, sometido a unha economía tan difícil como a que serviu de escenario a protagonista, a Fundación Eduardo Barreiros promoveu un cómic titulado “Eduardo Barreiros, o meu bisavó fantástico”, con texto de Nuria Martínez -que con moito enxeño fixo dun descendente directo do protagonista, Dieguito, de oito anos, o narrador da súa historia-, e excelentes ilustracións de Ximena Maier. Producido por Verso Solto resulta unha publicación útil e amena para todos, pero moi en especial está dirixida aos nenos e adolescentes.

O MUSEO

Cun fin didáctico, a obra resulta un perfecto complemente do Museo Eduardo Barreiros, que se inaugurou en 1998, en Valdemorillo (Madrid), deseñado por Jacobo Pérez- Enciso coa colaboración dos arquitectos Manuel González Burdiel e Juan José Carral. Dentro dos centros expositivos de tecnoloxía contén unha mostra especializada, a primeira dedicada en España a unha figura relevante no mundo da automoción. Os seus fondos e a disposición das pezas permiten coñecer a historia do creador dunha das empresas privadas máis importantes no desenvolvemento industrial de España, nas décadas dos anos 1950 e 1960.

O Museo conta cun espazo expositivo de 800 metros cadrados alberga unha colección estable e un importante fondo documental, conseguidos a través de doazóns, compras e obxectos pertencentes á familia Barreiros. Concibido como achega para a educación das novas xeracións, a colección móstrase nun espazo interactivo, adaptado para os invidentes tras un acordo coa ONCE, de tal maneira que os visitantes poden acceder e tocar os diferentes obxectos expostos, incluídos coches, camións e tractores.

Estamos #ante a historia dun galego universal cuxa figura debe ser difundida como exemplo de bo facer, un español que de forma complementaria aos seus estudos “empezou a traballar aos once anos para axudar á súa familia e descubriu que a mecánica era a súa gran paixón”. A súa madurez permitiulle formular un decálogo infalible, co que a escritora Nuria Martínez presta colofón á súa obra, parecen palabras máxicas. “Nada é imposible…” e de feito sono.