Comeza a conta atrás para a celebración do Festival de Cinema Escolar Olloboi (este venres en Boiro)

Este venres 10 de xuño os nosos novos talentos do audiovisual serán os grandes protagonistas do panorama cultural galega: a nova canteira de directoras e directores e outr@s importantes e imprescindíbeis construtor@s de curtas e longametraxes. Estamos a falar da celebración do Festival de Festival de Cinema Escolar Olloboi, con sede en Boiro. Celebrarase en diferentes espazos do termo municipal, ao longo de toda a xornada do venres.

O obxectivo deste ano, en palabras da organización, é “recuperar o espírito da creación, propoñendo o cambio das máscaras da pandemia ás do xogo e ilusión do cine”.

A presentación do programa, que tivo lugar nos Estaleiros Triñanes, celebrouse a semana pasada nun acto cos medios de comunicación no que participaron a concelleira de Cultura, María Outeiral; o cineasta e padriño do festival, Eloy Domínguez; e Ana Moreiras, xunto con outros integrantes de Olloboi.

A concelleira Maria Outeiral sinalou que “para o Concello é importantísimo apoiar iniciativas como esta que aposta pola cultura e sobre todo polo traballo cos rapaces e rapazas, polo que é para nós un orgullo que Olloboi se leve a cabo ano tras ano en Boiro”.

Presentación de Olloboi, a semana pasada nos Estaleiros Triñanes

Pola súa banda, o cineasta Eloy Domínguez (padriño do festival) agradeceu á organización polo traballo despregado “ao longo destas 12 edicións” e recoñeceu a importancia destas actividades “que dan aos rapaces e rapazas unha oportunidade de familiarizarse co cine”.

Axenda de premios

Nesta edición, ademais dos trofeos para as categorías xerais, haberá 5 premios diferenciados: Olloboi Peque, que leva un concerto para o seu centro; Olloboi Muchachada, que obtén un obradoiro audiovisual de 4h; Olloboi +18, que permite asistir a unha rodaxe profesional; Olloboi Zamburrioi, que facilita a asistencia ao festival Foco de Fuenteovejuna; e Ollocoles, premio a unha experiencia educativa ecosocial contada con mirada, que leva un lote de libros de Aira Editorial.

Os gañadores en cada categoría serán escollidos polo xurado de Cineastas Cómplices 2022 e que está composto por Ángeles Huerta (realizadora), Rosalía Fernández Rial (poeta e actriz), Cris de la Torre (realizadora e docente), Sabela Hermida (actriz e produtora), Andrés Goteira (realizador), Suso López (produtor), Cris Iglesias (actriz e bailarina), Alba Domínguez (realizadora), Alfonso Zarauza (director), Leticia Blanco (posprodutora), Gon Caride (realizador), Laura Doval (produtora), Felipe Lage (produtor), Alba Gallego (realizadora), Sandra Sánchez (directora e montadora), Xulio Abonjo (actor), Gaspar Broullón (realizador e produtor), Juan Lesta (realizador), Loli Iglesias (montadora), Diego Anido (actor), Adrián Canoura (realizador), Aldara Pagán (realizadora e programadora), Dani Viqueira (realizador) e Ricardo de Barreiro (actor).

Programa de actividades

10.30 – 11.00h: recepción dos centros e presentación na Abadía de San Enrique.

12.00 – 14.30h: muchachada polas parroquias de Boiro.

15.00h: concerto con Blues do país e xantar na praia de Barraña.

16.30h: tempo libre.

18.00 – 20.00h: show Peter Punk na explanada do Parque da Cachada e cineforum con Eloy Domínguez na Casa da Cultura.

20.30 – 23.00h: entrega de premios, foliada e cea na Abadía de San Enrique

1.00h: concerto de fin de festa con Los Jinetes del Trópico na Pousada

Premios Olloboi

• Interpretación

• Videoclip

• Imaxe

• Guión

• Animación

• #OlloboiRedes

• Videocreación

• Premios especiais: Ollo escolas, Plus 18, peque, muchachada, zamburrioi