Cabo de Cruz acolle esta fin de semana as regatas masculina e feminina da Liga Galega de Traíñas

23 Xuño 2022

Boiro acolle o vindeiro domingo 26 de xuño a Liga Galega de Traíñas, na que se van disputar a VIII bandeira Marina Cabo de Cruz – Concello de Boiro e a III bandeira feminina Rianxeira. Na presentación, que tivo lugar esta mañá, asistiron o alcalde, José Ramón Romero, a concelleira de Deportes, Dores
Torrado, o presidente do Club, Daniel Vázquez, o presidente do Náutico, Manuel Fajardo, e a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo.
As probas vanse disputar este domingo pola mañá no peirao de Cabo de Cruz e retransmitirase en directo a través da TVG2. A primeira delas será a bandeira feminina, que comezará ás 11.30 horas e ás 12.30 comezará a masculina. As dúas están dentro da Liga Galega de Traíñas, na que participan
os equipos masculino e feminino do Club de Remo Cabo de Cruz. Trátase dunha regata de banco fixo e tradicional, de catro longos, con orientación sur- suroeste.
“Esta proba abre o calendario de probas deportivas do verán”, afirmou a concelleira de deportes. Unha regata na que participan os equipos senior masculino e feminino do Club de Remo de Cabo de Cruz e, segundo afirmou o presidente do Club, Daniel Vázquez, “teñen moitas posibilidades de facerse coa bandeira”.
O presidente do Náutico, Manuel Fajardo, recoñeceu a importancia que ten para o deporte que as entidades se unan para levar a cabo actividades coma esta “e estamos moi orgullosos de que sexa o oitavo ano que colaboramos co Club de Remo”. A directora de relacións institucionais, Margarita Hermo, recoñeceu a importancia das alianzas público-privadas para a promoción do deporte e “a nosa filosofía é potenciar o deporte base, sobre todo ás categorías femininas”.
O Concello de Boiro fai unha forte aposta polo deporte no municipio, en todas as modalidades e categorías xa que, como ben afirmou o alcalde: “Boiro é un referente deportivo a nivel galego”. O alcalde agradeceu ao Club e a todos os patrocinadores e colaboradores polo traballo e aposta que fan para realizar competicións deste nivel a animou a toda a veciñanza a que este domingo se achegue a Cabo de Cruz para presenciar esta cita deportiva da Liga Galega de Traíñas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...