Mentres as familias dos 21 tripulantes mortos do pesqueiro de Marín Villa de Pitanxo seguen a demandar que o Goberno español decida dunha vez sobre o traslado a augas de Terranova dun buque dotado dun sónar de barrido lateral e un robot que permitan recoñecer o pecio que, desde o 15 de febreiro, se mantén probablemente a unha profundidade de perto de mil metros e a 250 millas da illa canadense, o Executivo central que preside Pedro Sánchez continúa facendo mutis polo foro desa peza teatral na que o rexedor da obra opta, sí, por mandar un buque a aquel caladoiro para que avalíe os recursos pesqueiros de Terranova e Flemish Cap. Máis nada.
Este domingo saen do porto de Vigo cara as costas canadenses investigadores galegos e portugueses pertencentes ao Instituto de Investigacións Mariñas, o Insituto Español de Oceanografía e o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera. Dentro dunha semana chegarán ao Gran Banco de Terranova, onde botarán tres meses de campañas de pesca: Platuxa, Flemish Cap e Fletán 3L, a bordo do buque oceanográfico “Vizconde de Eza”, que integra a frota da Secretaría Xeral de Pesca.
Xunto co interese dos científicos e os responsables de Pesca polos resultados destas tres campañas, está a decepción dos familiares xa citados dos finados no naufraxio do Villa de Pitanxo que, unha vez más, comproban como o Goberno desbota a posibilidade de incorporar á expedición un robot que filme o pecio e determine as condicións nas que este se atopa para, á súa vez, poder establecer un plan de traballo que sinale os pasos a dar para que, ao marxe da CIAIM -ou para colaborar con esta Comisión- se podan acadar respostas en torno á posibilidade de que no interior das instalacións do buque permanezan os restos dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio.
Unha outra vez, as familias destes mariñeiros mortos na traxedia do Villa de Pitanxo entéranse da saída dese buque de investigación pesqueira cara a Terranova polos medios de comunicación. Nin a máis mínima comunicación ofivisl ao respecto da posibilidade de que o “Vizconde de Eza” poida realizar tamén algunha acción que contribúa a saber que pasou co arrastreiro de Marín. Nada; como se non importase o máis mínimo o acontecido. Tampouco a casa armadora dixo nada -supostamente tamén é descoñecedora destas campañas- nin deu mostras de se interesar a posteriori polo que os familiares dos seus mariñeiros reclaman. É certo o dito de que “morto o can, acabóuse a raiba”, pero aquí está viva a memoria deses 21 homes mortos dos que, a non ser polas súas familias, ninguén se lembraría.
Así de simple. Así de sinxelo. Así de crú.