Anna Naglaya achegou a Corrubedo a cultura do pobo nómada dos nenets a través do seu libro de fotografías

A artista afincada en Corrubedo Anna Naglaya presentou na tarde de onte no Centro Social de Corrubedo o seu fotoalbum “The Arctic Chronicles”: unha colección de imaxes tomadas pola creadora no norte de Siberia para amosar a cultura indíxena dos nenets e os habitantes das localidades de Anipayta, Gyda e Yuribey.
Naglaya manifestou que este proxecto xurdiu fai cinco anos, cando se dou de conta de que pese a ter viaxado por numerosas partes do mundo deuse de conta que ignoraba moitas cousas do seu propio
pobo, das súas raíces. Explicou que ela nacera nunha cidade e creceu impregnada de cultura rusa, pero a súa familia procede dunha rexión no norte de Siberia e que para chegar alí é preciso coller un avión ata San Petersburgo, navegar dous días en barco, subir en helicóptero e por último tomar unha pequena embarcación.
Así foi como puido rencontrarse cos seus parientes e tomar as fotografías da súa familia (avós, tíos, curmáns, etc.) e veciños, que habitan nunha especie de tipis chamados tchoumn, viven sobre todo
da pesca con moitos sacrificios baixo temperaturas extremas e teñen ao reno como un animal fundamental para a súa subsistencia ao proporcionarlles roupa e comida. Ademais de exhibir proxeccións de moitas das súas fotografías, mostrou un teaser do seu documental, que ten publicado en YouTube: https://youtu.be/jN93CWE26og .
A presentación espertou a curiosidade de moitos dos asistentes, que quixeron afondar coas súas preguntas en moitas circunstancias relacionadas cos nenets, dende o papel da muller na sociedade ata a
incidencia da covid-19.
Ventoso Mariño
Anna Naglaya foi presentada por Xosé Antonio Ventoso Mariño, quen cualificou o seu traballo de sorprendente, sensible e comprometido coa cultura do pobo nómoda dos nenets e loou o traballo de Anna Naglaya, cuxas fotos están dotadas dunha gran honestidade e mostran unha xente que trasluce dignidade. “Nas fotos de Anna hai poucas sorrisas, tampouco choros”, dixo.

Ademais, celebrou o feito de que esta actividade tivese lugar precisamente en Corrubedo, que para Ventoso non podía ser máis oportuno posto que “os resistentes do pobo de Anna están unidos aos
resistentes do pobo de Corrubedo, que tamén sempre estivo moi apegado á súa terra pese a dureza da vida alí ata non fai tantas décadas.
No evento estivo tamén a concelleira de Cultura, María Sampedro, quen compartiu unhas palabras ao principio do acto convidando aos asistentes a disfrutar do mesmo.