Amicos e Capital Energy reivindicaron a protección do medio natural con máis de 30 alumnos do IES Poeta Añón de Outes

Amicos e a Fundación Capital Energy protagonizaron este xoves 16 de xuño unha xornada de sensibilización e concienciación medioambiental con máis de 30 alumnos e alumnas do IES Poeta Añón de Outes, titulada Herdanza Máter: A ruta das Fervenzas. O obxectivo da xeira de traballo foi “que os profesores verdes de Amicos organizaran unha limpeza de residuos na zona de forma conxunta para concienciar ao alumnado da importancia de coidar da nosa natureza e da súa biodiversidade”.

O evento celebrouse con motivo do remate dos traballos das Ecobrigadas de mantemento e posta a punto do sendeiro da Ruta das Fervenzas que bordea o río dende a Capela de San Paio ata a antiga Central Eléctrica. En recoñecemento do seu traballo e en agradecemento á Fundación Capital Energy inaugurouse este xoves unha placa conmemorativa.

Miguel Beiro, responsábel da área de Emprego e Empresas de Amicos, comentou que “para a Asociación Amicos é moi importante que organizacións como Capital Energy, así como os Concellos de Outes e Mazaricos se impliquen na conservación e coidado medioambiental de estes proxectos liderados por persoas con discapacidade”.

Pola súa banda, Xabier Monteagudo, responsábel de Promoción en Galicia de Capital Energy, manifestou que “a nosa colaboración con Amicos reafirma que o obxectivo da compañía é crear valor social, económico e ambiental para a nosa comunidade, especialmente naqueles concellos onde desenvolvemos os nosos proxectos. Capital Energy non só contribúe de forma decisiva ao reto que implica descarbonizar a economía mediante as enerxías renovábeis, senón que impulsa coa súa actividade o desenvolvemento e benestar dos territorios nos que opera”.

Por parte de Capital Energy tamén asistiu Eduardo Baeza, director de Relacións Institucionais de Capital Energy; Carla Mayor, relacións institucionais en Fundación Capital Energy e Eva González, promotora de Santiago de Compostela de Capital Energy. Ademais, estivo presente no acto o alcalde de Outes, Manuel González López, que agradeceu a Amicos o traballo alí feito e “a posta en valor da Ruta das Fervenzas”.

Do mesmo xeito, o acto contou con Jorge Villar Cobas, concelleiro de Deportes de Mazaricos e Martín Fernández, concelleiro de urbanismo, obras e medio ambiente de Noia.

Como explicou Keltoi Cameán, coordinador da área de Emprego e Empresas de Amicos, “esta acción englóbase dentro do proxecto Herdanza Máter, un proxecto de responsabilidade social medioambiental impulsado por Amicos”. Baixo esta idea, as persoas con discapacidade de Amicos lideran accións de mantemento e conservación de contornas con alto valor medioambiental en zonas como parques naturais. Así, destácase a importancia do voluntariado e a concienciación co entorno natural a través de labores de resforestación de especies autóctonas, eliminación de especies invasoras e restauración do patrimonio.