A RAGC premia á rianxeira Teresa Abuín

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste 15 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e do Premio RAGC de Divulgación Científica 2022; convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. Resultaron distinguidos proxectos da ESEI (UVigo), do CiQUS (USC) e da colaboración entre Óptica da USC e o FIDIS. Amais, recoñeceuse o traballo xornalístico da rianxeira Teresa Abuín e do químico Manuel Luis Casalderrey.

Foto de familia de premiados e participantes no acto

O evento, presidido pola vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, contou coa asistencia da directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), María José Mariño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.

Premio Francisco Guitián Ojea

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning. Foi realizado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), liderados por Miguel Reboiro e Daniel González, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Recolleu o premio o investigador Miguel Reboiro, quen agradeceu á Academia este galardón, asegurando que “nos axudará a continuar con máis folgos neste proxecto”. O equipo baseouse na Intelixencia Artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite a clasificación automática dos pólipos colorrectais.

Premio Fernando Calvet Prats

O Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi dar a Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago; integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research. A firma explota unha innovadora tecnoloxía ideada polo equipo para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos, reducindo os tempos, os custos e o impacto ambiental.

Asistiu ao acto a recoller a distinción o investigador Eddy Sotelo. “É unha satisfacción enorme que os nosos resultados científicos poidan traspasar o laboratorio e chegar a outras universidades, empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas en forma de produtos de alto valor engadido, promovendo o uso de métodos respectuosos co medio ambiente e contribuíndo a acelerar o descubrimento de fármacos”, destacou.

Premio Ricardo Bescansa Martínez

O Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off BFlow. Nace en maio de 2020 froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da Universidade de Santiago e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.

Por parte de Bflow recolleu o premio María Seoane, conselleira delegada da empresa, quen deu as grazas en nome de todo o equipo. Explicou que buscan imitar os órganos humanos no laboratorio, incrementando a taxa de éxito e reducindo custos e experimentación animal.

Premio Xornalismo Científico Celia Brañas

Amais, entregouse o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que na súa sétima edición foi para a reportaxe Costa inundable, da xornalista Teresa Abuín Tubío (Rianxo, 1970), emitida no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na subida do nivel do mar en Galicia. O xurado destacou deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros.

A entrega do galardón xornalístico

Na súa intervención, Teresa Abuín salientou que “este premio vén recoñecer o traballo de todos os que nos esforzamos por facer o xornalismo no que cremos, que comparte coa ciencia a ollada curiosa, crítica e reflexiva, que tenta afondar nos feitos para tratar de entender un pouco máis a complexidade do mundo”. E puxo de relevo que nestes anos tivo a oportunidade de descubrir “a dimensión da ciencia que se fai en Galicia”.

Ademais, o xurado outorgou un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado,

a reportaxe titulada A ameaza de macrogranxas na Limia, de Mar Álvarez Rama (Santiago de Compostela,1999), publicada no xornal Nós Diario. O xurado valorou que “é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galicia, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo”. A galardoada recibiu unha dotación de 1.000 euros.

Na súa intervención, a xornalista afirmou que “reportaxes coma esta son un exemplo do poder que ten o xornalismo de poñer o foco nunha realidade existente que non sempre semella visíbel. Esa é a gran responsabilidade do xornalismo: axudar a concienciar á xente sobre problemáticas que afectan a toda a poboación”.

Premio RAGC de Divulgación Científica 2022

Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 foi para o químico Manuel Luis Casalderrey García (A Coruña, 1941). A Academia recoñece con esta concesión a súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia, particularmente a publicación regular desde o ano 1989 no xornal La Voz de Galicia de artigos de divulgación científica sobre temas de candente actualidade e ámbito moi diverso”. A súa traxectoria no ámbito da divulgación inclúe máis dunha ducia de libros de temática diversa, na súa maioría relacionados coa química na vida cotiá.

O premio á mellor divulgación

Casalderrey salientou que “ademais da importancia que o premio ten en si mesmo, pola institución que o outorga, é o mellor de todos cos que me premiaron. Realmente aprendín moito coa miña tarefa de divulgación científica e espero que os meus lectores aprendesen tamén. O divulgador enriquécese intelectualmente e aprende, cada día, para servir de intermediario entre os científicos e investigadores que fan a ciencia e o público en xeral, tratando de incrementar a cultura científica das persoas”.

No peche do acto, Alicia Estévez felicitou aos premiados e puxo de manifesto que “a RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e benestar social dun país, polo que comunicar os achados e as súas aplicacións á sociedade é una prioridade. Para acadar este obxectivo os científicos e os medios de comunicación poden e deben contribuír dun xeito decisivo”.