A Festa do Percebe de Aguiño estrea este 31 de xullo a declaración de Interese Turístico Galego

O Consistorio de Ribeira acolleu este venres 10 de xuño a a presentación da 23ª entrega dunha das grandes citas gastronómicas do panorama estival da comarca e de Galicia: a Festa do Percebe do Aguiño, declarada este ano Festa de Interese Turístico Galego. Será o 31 de xullo.

A presentación contou coa presenza do alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura María Sampedro, o patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría; o presidente da Agrupación de Mariscadores de Aguiño, Manuel Ángel Reiriz; e Encarna Gago, histórica membro da organización.

O patrón maior agradeceu ao Concello e ao Departamento Municipal de Turismo “as xestións efectuadas para que a declaración de Interese Turístico Galego puidese materializarse e sinalou ás mareas como factor crucial á hora levar este encontro gastronómico ao ultimo domingo de xullo”.

Entre o capítulo de novidades deste ano, salientaron que este verán a celebración estreará un novo prato no que, no canto do selo da Confraría de Aguiño, lucirá o logotipo da festa co ánimo de que os comensais contribúan a facer publicidade dela, acompañado do seguinte slogan: O Rei do Mar, Percebe de Aguiño.

Neste “ano de reinicio”, como o denominou o José Antonio Santamaría, distinguirase como xa é tradición a dous percebeiros de honra, un dos cales xa ten identidade: o mestre aguiñense e fillo predilecto de Ribeira Manuel Ayaso.

O alcalde Manuel Ruiz tomou a palabra no nome da Administración local para felicitar á Confraría de Carreira e Aguiño da devandita declaración e expresar o seu desexo de que “sexa un gran éxito”. Tamén lembrou que o propio Concello aprobou a semana pasada unha axuda de 15.000 euros para contribuír ao seu desenvolvemento.

No acto tamén se puxo o foco no cartel desta edición, que contén unha fotografía tomada por Luis Polo, autor do libro Percebeiros de Aguiño e tamén das imaxes exhibidas nas paredes da rula da localidade.