A Deputación destina máis de 400.000 euros a 45 entidades que traballan no desenvolvemento de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero

A Deputación da Coruña destina 418.396,04 € a 45 entidades que traballan no desenvolvemento de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero. Con esta liña de axudas, o departamento
dirixido pola deputada María Muíño apoia programas de fomento da igualdade, con especial atención á conciliación, o empoderamento e a loita contra a violencia machista.
“Desde a área de Igualdade valoramos esta convocatoria como moi importante, en primeiro lugar, porque se dirixe ao tecido asociativo que traballa en todo o territorio e tamén porque apoia programas de grande interese social que contribúen a promover e dar pasos adiante na igualdade e a eliminación do
machismo e o feminicidio”, sinala Muíño.
“Durante todo o ano”, explica a deputada, “traballamos con accións directaspara vencer a violencia machista, man a man cos concellos, coas entidades, coa comunidade educativa etc.”. “En cada campaña que desenvolvemos”, engade, “cada vez hai máis participación e diálogo, e ese é un dos nosos
obxectivos: escoitar, implicar, apoiar e desenvolver todas as accións que poidamos”
A relación das entidades beneficiarias e o importe das achegas que recibirá cada unha están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de hoxe e pode consultarse e descargarse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3m3UhJW