“A Audiencia Nacional retira o pasaporte ao patrón do pesqueiro Villa de Pitanxo”. Antón Luaces

Juan Enrique Padín Costas, patrón do arrastreiro de Marín “Villa de Pitanxo”, afundido na mencida do pasado día 15 de febreiro en augas de Terranova (a 250 millas da illa canadense) non poderá embarcar de novo ata tanto non remate a instrución do suceso no que faleceron 21 dos 24 tripulantes do buque- Este caso  outorga ao feito o recoñecemento de ter sido un dos máis graves de cantos se rexistraron na historia marítimo-pesqueira española dos últimos 30 anos.   

O xuíz da Audiencia Nacional Samuel Moreno deu orde de retirar a Padín Costas o seu pasaporte. Ao mesmo tempo obriga ao ata o de agora patrón do “Villa de Pitanxo” á comparecencia xudicial cada 15 días, atendendo deste xeito á Fiscalía, que apuntaba á posible existenza de indicios de criminalidade ao ter en conta elementos que permitirían a imputación de 21 delictos de homicidio  por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores.

O patrón, un sobriño deste (Eduardo Rial Padín) e o mariñeiro Samuel Kwesi, son os únicos sobreviventes do naufraxio. Os dous últimos prestaron declaración como testemuñas. Foi, sen embargo, o testemuño do mariñeiro de orixe ghanesa e residente desde vai varios anos en Marín, Samuel Kwesi, o que resulta clave ao recoñecer que o patrón “se negou a arriar os aparellos” cando a propia tripulación demandaba del a berros que así o fixera, e que non dera orde á tripulación de que se enfundaran os traxes de sobrevivencia.

Seguindo en gran medida os criterios da Fiscalía da Audiencia Nacional, o maxistrado do Xulgado Central de Instrución número 2 desa Audiencia non aprecia risco de fuga dado o “arraigo” que o patrón ten en España, e considera asimesmo que o seu ingreso en prisión -solicitado polos familiares das vítimas- é unha “medida de carácter excepcional” e, polo tanto, procede aplicar “medidas menos penosas”.

A xuizo do patrón, a bordo do “Villa de Pitanxo”  había traxes de subrevivencia para todos os tripulantes (eran 24), se ben derivou a estes a responsabilidade persoal do seu uso. Malia isto, do expedente existente na Capitanía Marítima de Vigo tírase a conclusión de que, con data do 22 de xaneiro pasado, eran tamén 22 as persoas as que no buque en cuestión dispuñan de medios de salvamento, o que evidencia  que, ao parecer, só había chaleques e traxes para 22 tripulantes (cando no rol do buque constaban 24).

O patrón, ao se referir ao afundimento do arrastreiro e á escora deste a babor, culpou do problema á consecuencia da parada do motor do buque e a entrada de auga pola aleta de babor -as condicións meteorolóxicas non eran  favorables- o que incidiu nunha maior escora do barco.

Non foi da mesma opinión o mariñeiro Samuel Kwesi, que contradecía ao patrón ao afirmar que “as maquinillas que turran do aparello deixaron de funcionar ben. Tensaban pero non recollían o aparello, o que provocou a escora do buque. Segundo o seu relato, os mariñeiros berraron para que o patrón arriara os aparellos, ao que se negou Padín Costas. Cando o buque xa estaba moi escorado parou o motor e, deste xeito, a escora a babor foi maior. Tamén negou Kwesi que o patrón ordenara utilizar os traxes de sobrevivencia, aínda que  tanto el como o seu sobriño sí os usaron.

O patrón quedou en liberdade provisional malia que o xuiz da Audiencia Nacional ordeou que se lle retirara o pasaporte. Ao mesmo tempo ditou que se lle prohibira sair do país.

A investigación pasa agora a un xulgado de Marín.

As familias dos tripulantes finados, que se van concentrar o mércores diante do Congreso dos Deputados, insisten na súa petición de que se baixe ao pecio co obxectivo de constatar o estado no que este se atopa.