A AC Pedra da Aroña (Boiro) festexa os 35 anos cun programa ateigado de actividades

A Asociación Cultural Pedra da Aroña celebra estes días os seus 35 anos de actividade e faino cun programa repleto de actos para o segundo semestre do ano. A concelleira de Cultura, María Outeiral, participou este martes 21 de xuño na presentación da axenda, acompañada de Antía Romero e outras integrantes da entidade.

O programa de actividades previsto comeza este domingo 26 cun festival de ballet que será na praza da Terceira Idade. O programa inclúe tamén un intercambio cultural, que será en agosto, o tradicional Festival de Nadal de Aroña e outras actuacións. Ademais dende a asociación buscan realizar unha exposición de fotos destes 35 anos de percorrido polo que fan un chamamento a todas as persoas que conten con documentos gráficos, sobre todo dos primeiros anos de historia, para poder sumar á exposición.

A concelleira de Cultura, María Outeiral, mostrou o compromiso do Concello de seguir colaborando coas entidades culturais do municipio como é AC Pedra da Aroña e resaltou o traballo que os integrantes fan “porque siga adiante” xa que “é moi difícil manter unha actividade durante tanto tempo, iso só se consigue con moito esforzo”.

Pedra da Aroña medrou moito ao logo destes 35 anos ata chegar a superar os 100 integrantes que son na actualidade. “O noso principal obxectivo segue a ser o mesmo 35 anos despois: potenciar e manter viva a música e o baile tradicional”, afirmou Antía Romero. A integrante salientou tamén a importancia de ampliar a canteira para seguir mantendo a actividade e poder levar a cabo actividades e que as asociacións perduren ao longo do tempo.