Trenor e Romero visitan o plan de emprego para mulleres que se desenvolve en Boiro

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na mañá deste luns 2 de maio ao alumnado que participa nas actividades formativo-laborais do Plan Integrado de Emprego (PIE) para mulleres que se está a desenvolver en colaboración co Concello de Boiro. Na visita ao Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira, á que tamén acudiu a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judith Fontenla, estivo acompañado do alcalde José Ramón Romero e do concelleiro de Promoción Económica Carlos Rodríguez Muñiz.

Este programa conta cun apoio da Xunta de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes.

Trenor explicou que “este tipo de iniciativas consisten en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contan coa colaboración de varias empresas da contorna para completar a formación dos alumnos”.

Trenor destacou “o compromiso do Concello de Boiro” coa empregabilidade porque “leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta”.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Trenor destacou que na comarca do Barbanza estanse a desenvolver 3 PIE, no Concello de Boiro, en Rianxo compartido con Padrón, Rois e Dodro e na asociación Amicos. En total estanse a formar a 300 desempregados cun investimento de máis de 562.000 euros.

As liñas abertas en Boiro a prol do emprego

Trenor tivo ocasión de coñecer ao detalle as actividades do Programa Integrado de Emprego destinado exclusivamente a mulleres, unha iniciativa que roza xa o 20% de inserción laboral. Esta é a terceira edición deste programa que no ano 2019-2020 logrou un 65% de inserción e no ano 2020-2021 un 50%.

O Concello de Boiro está a desenvolver tamén un Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns – Boiro, no que participan 20 persoas. Antes realizáronse tres edicións do Obradoiro de Emprego en operacións básicas de Cociña e Restaurante Bar. Na actualidade tamén se están a desenvolver cursos AFD (Acción Formativa para Desempregados) de cociña e restaurante bar. “Dende que entramos no Goberno levamos a cabo unha forte aposta pola formación porque a consideramos fundamental para o emprego”, salientou o alcalde José Ramón Romero .

O delegado territorial, Gonzalo Trenor, fixo fincapé na aposta que realizan dende a Xunta de Galicia cos Concellos para levar a cabo programas formativos como os que se desenvolven en Boiro.