Máis de 600 aspirantes a auxiliares de Policía Local nos nosos concellos están a participar estes días nas probas físicas relativas ao proceso selectivo dun total de 129 prazas. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou este luns 2 de maio a sede do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde participan nas avaliacións de aptitudes físicas os ditos 600 aspirantes. Entre os concellos convocantes atópanse A Pobra, Noia, Outes e Rianxo.

Trátase da primeira proba da oposición e consiste nun exercicio de potencia de tren inferior mediante un salto vertical e outro de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos. As persoas aptas deberán someterse á segunda proba de coñecementos cunha enquisa de 50 preguntas tipo test para amosar os seu dominio dos contidos do temario, así como á proba de coñecemento da lingua galega, agás os que están exentos da súa realización.
A previsión é ter rematadas todas as probas a finais de maio e, unha vez finalizado o proceso selectivo, os aspirantes aptos en todos os exercicios terán que realizar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para poder ser contratados como auxiliares nos seus destinos. Tamén será obrigatorio esta formación para as persoas incluídas na lista de reserva.
Deste xeito, cubriranse 129 postos nunha trintena de municipios da comunidade: A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Bergondo, Cabanas, Cedeira, Melide, Miño, Mugardos, Negreira, Noia, Ortigueira, Outes, Rianxo, e Sada, na provincia da Coruña; A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, O Grove, Poio, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; xunto cos concellos ourensáns de O Barco de Valdeorras e O Carballiño.