O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acadou este martes 3 de maio o acordo unánime do Parlamento de Galicia á súa proposición non de lei para pedir á Xunta que “garanta o cumprimento dos acordos adoptados nas diferentes mesas de diálogo abertas para resolver o conflito da mexilla”.
A iniciativa recibiu o visto e prace de todos os grupos mañá na Comisión 8ª. Coa aprobación, demándaselle tamén ao Goberno galego que “faga o os informes e documentos científicos nos que se basea a decisión da Consellería de restrinxir a extracción deste produto nas costas galegas, así como os criterios obxectivos para o futuro”.
Julio Torrado criticou a antigüidade dos estudos que avalan a actual situación (que “teñen entre 10 e 20 anos”, dixo) e dixo “que non existe constancia de que a Consellería de Pesca realizase recollida de mostras propias para a elaboración deses informes técnicos”. Polo tanto, “aínda non sabemos se a día de hoxe hai un problema biolóxico real que estea suficientemente documentado, e “os que hai poderían estar resoltos se non se introducisen elementos de confrontación”, afirmou Torrado.

Neste senso, sinalou que “todo apunta a que o Goberno toma decisións sobre a mexilla con cuestións que non están fundamentadas e ten máis que ver coa vontade de destruír o sector e de provocar enfrontamento que de ordenalo mellor”. Na súa opinión, “introduciuse un elemento de conflito grave tras máis de 60 anos de convivencia entre bateeiros e percebeiros sen que existan razóns obxectivas coñecidas”.
Na súa intervención, Julio Torrado pediu á Xunta de Galicia que “adopte unha posición conciliadora” para resolver o conflito entre bateeiros e percebeiros pola extracción da mexilla. Nesta liña, Torrado demandou “diálogo, consenso e que se cumpran os acordos aos que se chegue co sector no canto de seguir alimentando este problema, o que provocará que siga a medrar”.
Seguindo engadiu, “non pode ser que a propia Consellería torpedee todos os acordos aos que se chega, porque cando se alimentan os conflitos con gasolina, incéndianse.” Nesa liña explicou que “vivimos unha situación na que dous grupos dentro do sector do mar atravesan un problema provocado por un terceiro que mira dende a barreira”.
O acordo aprobado
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
- Garantir o cumprimento dos acordos adoptados nas diferentes mesas de diálogo abertas cos sectores implicados, bilateral ou multilateralmente.
- Entregar na Cámara galega copia dos informes e documentos científicos nos que se basea a decisión da Consellería de restrinxir a extracción de mexilla nas costas galegas, así como dunha proposta de avaliación das medidas que permita establecer criterios técnicos para as decisións a seguir sobre limitacións ou aperturas.”