Os socialistas de Ribeira critican o estado do acceso ao Parque de San Roque dende a cidade

18 Maio 2022

O Grupo Socialista de Ribeira, a través do seu concelleiro José Manuel Suárez-Puerta Sirgado, presentou ao pleno da Corporación unha proposta que pon o foco nos accesos dende o núcleo de Ribeira ao Parque Periurbano de San Roque. Os socialistas consideran que esta contorna natural e medio ambiental e de lecer debe ser máis accesíbel á veciñanza da cidade. Por este motivo, critican o estado no que se atopan os accesos, “sumidos no abandono” e “cunha falta de conservación manifestan”, explican, engadindo que “se tentamos acceder ao parque desde o núcleo urbano atopámonos cun acceso en condicións lamentábeis, cos restos do peche dunha obra, coa maleza que inza ás súas anchas no trazado do camiño, a cartelaría inservíbel pola antigüidade e os grafitis, os coches mal aparcados que obstaculizan e dificultan o acceso andando ou en bicicleta para persoas con plenas capacidades de mobilidade e fan que resulte imposíbel para persoas con capacidade de mobilidade reducida o acceso ao parque”.

O PSOE de Ribeira critica tamén a situación do camiño monte arriba, “cun cemiterio de coches a escasos metros do centro urbano, co peche perimetral practicamente inexistente e que constitúe un perigo potencial para nenos que se vexan tentados a xogar nos vehículos que están abandonados, achatarrados e desvalixados, co perigo que isto supón, á parte do impacto visual que achega a chatarra a unha contorna que debería ser para uso e gozar e que nestes momentos é, simplemente, lamentábel”, sinala a agrupación, engadindo que o camiño non mellora se seguimos ascendendo pola senda empedrada atopámonos, “coa maleza crecendo de forma descontrolada e cunha falta evidente de mantemento, polo que invade os laterais do camiño, reducindo a súa anchura e, por tanto, a súa capacidade de uso e proporcionando, novamente, un aspecto de abandono e desleixo”.

E continúa o PSOE na súa proposta: “Atopámonos logo con edificacións de pedra que convenientemente conservadas deberían ter un indubidable valor histórico e paisaxístico pero convertidas en vertedoiros incontrolados de lixo, invadidas pola maleza e rodeadas de bolsas de lixo, cascos de botellas e restos de vasos de plástico procedentes, cabe supor, dos botellóns que, a pesar de estar prohibidos, alí organízanse e que depositan o lixo na contorna, debido tamén a que este non estea dotado nin dunha soa papeleira ou banco en todo o percorrido”.

Estes son os puntos concretos da proposta dos socialistas:

1.- “Que se proceda a prolongar o camiño empedrado procedente do Parque Periurbano de San Roque até entroncar coa rúa Mariño de Rivera de maneira que se converta nun acceso axeitado ao parque desde o centro urbano pondo especial coidado en que este camiño sexa utilizábel por todo tipo de persoas, incluíndo as que teñen a súa mobilidade ou visión reducida, cumprindo así coa Lei de Accesibilidade”.

2.- “Que se proceda á limpeza do camiño existente, á súa roza e, en xeral, que se cumpra co mantemento máis elemental, cousa que neste momento non se fai”.

3.- “Que se dote á contorna do mobiliario urbano adecuado, incluíndo papeleiras e bancos onde poder descansar os paseantes, non só neste tramo inicial desde o núcleo, senón en todo o camiño e o resto da contorna que forma o Parque Periurbano”.

4.- “Que se proceda a canalizar o manancial existente polo seu curso natural limpándoo de maleza e facendo que o camiño sexa transitábel en todas as épocas do ano”.

Outros artigos

O BNG eleva ao Parlamento a falta de médicos en Ribeira

A deputada Rosana Pérez, rexistrou iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de instar á Xunta de Galiza a dotar do número de profesionais sanitarios suficiente o centro de saúde de Ribeira. Dende o BNG denuncian que "malia os centos de anuncios e a propaganda do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...