Os contos serán os protagonistas do Maio das Letras en Porto do Son

Porto do Son será un fervedoiro de actividades culturais neste Mes das Letras, actividades que teñen todas elas o nexo común de celebrar a cultura galega dun xeito divertido e ameno. O programa do Concello arrincou o día co espectáculo Maxia Divertida do Mago Paco, e continúa o día 14 de maio coa actividade Conto máxico, a partir das 12.00 horas, na Biblioteca Municipal Xerardo Díaz Fernández. A cultura, da man do programa autonómico Ler Conta Moito, tamén será protagonista o día 21, con Os Ratos de Lonxedetodo, ás 12.00 na Biblioteca, e o día 28 con Cociñando historias de igualdade (ás 12h), unha sesión de contacontos para rachar cos estereotipos de xénero da man dun cociñeiro “ao que non lle deixaban selo”.

A axenda tamén inclúe actividades de Ler Conta Moito en San Pedro de Muro, na Axencia de Lectura Municipal, comezando o día 19 ás 10.30 horas con U-la Lúa? (unha historia argallada por A Xanela do Maxín sobre a igualdade e contra a violencia) e proseguindo logo o día 24 ás 10.30 horas con Cancións de animais para nenos case normais, a cargo de Monifate. Amais, o 25 de maio está previsto un obradoiro de robótica educativa ás 10.30 horas para a rapazada.

O programa complétase con dúas actividades para público adulto: os monólogos de humor e retranca de Pepo dos Suevos e Luis Zahera, os días 21 e 28, respectivamente, as 20:00 no Auditorio da Casa de Cultura de Porto do Son (as entradas están a venda na Oficina de Cultura ou, de quedar algunha localidade dispoñíbel, pódense comprar o mesmo día da actuación dende as 18.00 horas).