O Noia Harp Fest convoca a primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli para arpa e orquestra

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar na súa páxina web as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame que nace ao abeiro do festival “coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra”. O galardón, que implicará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano que vén.

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade.

Amais, un xurado internacional (constituído por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio), será o responsábel de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa (así como da orquestración); a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.

Segundo explican dende a organización, “cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos”.

A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal.

IX Noia Harp Fest

A novena edición dun dos certames máis singulares da xeografía galega (único na súa especie no noroeste peninsular), o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen figuras sobranceiras de ámbito galego, estatal e internacional. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre (na praza do Tapal) coma no interior de recintos culturais da vila (a Igrexa de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela) de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

Noia Harp Fest, que dirixe o arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de Outes.