O Concerto das Letras Galegas poderase seguir este luns en streaming

O Concerto das Letras Galegas 2022, o gran acto de apertura dos actos de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán e á nosa cultura, poderá seguirse esta noite a través do Youtube do Consello da Cultura Galega e máis da web da CRTVG, que ten unha sección específica de contidos variados centrados na festa do 17 de maio. Trátase dunha actividade do CCG en colaboración co Concello do Barco de Valdeorras. O evento, que se celebrar no Teatro Lauro Olmo do Barco a partir das 20h, correrá a cargo do grupo Zoar Ensemble cun programa musical que repasa o legado do homenaxeado e tamén lembra a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México. No concerto estrearase a peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez.

O grupo Zoar é o encargado da duodécima edición do Concerto das Letras Galegas que pon o foco na figura de Florencio Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano. O programa está conformado, por unha banda, por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por outra, a creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay. Complétase con outras pezas que son, en palabras do CCG, “unha chiscadela á cultura local”, como o tema Aureana do Sil, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

O concerto poderase ver o día 17 na programación especial da segunda canle da Televisión de Galicia.