O Concello de Ribeira e o Club de Remo coinciden no emprazamento máis axeitado para o Centro de Deportes Náuticos

04 Maio 2022

Finalmente houbo consenso entre o equipo de Goberno de Ribeira e o Club de Remo Náutico en relación á proposta de localización do Centro Municipal de Deportes Náuticos que se proporá ante Portos de Galicia. O acordo consolidouse este martes 3 de maio pola tarde no Consistorio nunha xuntanza na que participou o alcalde Manuel Ruíz e representantes de dita entidade deportiva.

Nun salón de plenos totalmente cheo, con asistencia de membros da xunta directiva, remeiros, pais e nais, analizáronse diversas posibilidades de emprazamento, saldándose a xuntanza cun acordo unánime sobre a localización máis idónea: unha parcela no porto de Aguiño da que se ocuparían 1.117 metros cadrados dunha superficie total de 2.235 metros. Precisamente o Concello xa tiña solicitado a Portos o 30 de decembro a preceptiva declaración de interese para ocupar a referida porción, non habendo contestación de momento.

O Concello informou de que o terreo atópase urbanizado, sen desnivel destacábel, con todos os servizos de saneamento e abastecemento ao pé da mesma e nela a construción do Centro de Deportes Naúticos (que ocuparía 600 metros cadrados en planta, deixando os restantes para manobras, aparcamento e futuros crecementos) “non tería un impacto visual relevante”, en palabras dos técnicos de Oxil Arquitectura encargados da redacción dos diversos anteproxectos elaborados e que tamén se decantaron por esta opción tras explicar os pros e contras da cada alternativa. Por certo que o patrón maior de Aguiño José Antonio Santamaría, tamén presente no salón plenario, sinalou que este lugar non interferiría nos labores portuarios habituais do seu colectivo.

Amais, con motivo das obras de renovación da fachada marítima da localidade recentemente adxudicadas prevese crear nun lugar moi próximo unhas instalacións públicas de pump track e calistenia, e “que poderían servir de apoio complementario ás instalacións”, engadiu o Concello.

Reunión o día 19

Con esta proposta sobre a mesa, o alcalde de Ribeira, o Club de Remo, o patrón maior de Aguiño e a Fundación RIA participarán nunha reunión con Portos o vindeiro día 19 de maio co propósito de obter o visto bo do ente autónomo e traballar de contado na redacción do proxecto de execución da infraestrutura coa fin de que, se non xorden contratempos, o inicio da súa construción poida ser unha realidade este mesmo ano.

Outros artigos

O BNG eleva ao Parlamento a falta de médicos en Ribeira

A deputada Rosana Pérez, rexistrou iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de instar á Xunta de Galiza a dotar do número de profesionais sanitarios suficiente o centro de saúde de Ribeira. Dende o BNG denuncian que "malia os centos de anuncios e a propaganda do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...