O Concello de Rianxo convocará unha Mesa pola Sanidade Pública na procura da mellora deste servizo público no municipio

O xoves 2 de xuño vindeiro está prevista unha primeira xuntanza da Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo no salón de plenos. Pretende xuntar esforzos da sociedade rianxeira en prol dunha mellor atención e dotación dos recursos que presta a sanidade pública no noso municipio.

A situación que presenta a sanidade pública na localidade, ás portas do verán, coa falta de varios facultativos e doutro persoal en xeral, está redundando en citas de varias semanas para a atención médica (que en moitos casos é telefónica aínda) ou para a renovación de medicamentos. Son frecuentes a anulación de citas ou demoras longas debido que é o mesmo persoal o que ten que se desprazar ás urxencias. Xunto a isto e a non apertura dos servizos do centro médico de Taragoña, son algúns dos feitos que explican esta convocatoria. Engádese tamén a provisionalidade que fai que cambien constantemente os médicos asignados coa conseguinte merma da calidade da atención aos veciños e veciñas.

A Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo xuntará ás diversas formacións políticas, sindicais e sociais que se desexen sumar para analizar a situación actual, reclamar a dotación completa dos servizos para a localidade e dirixir se cabe a convocatoria de novas mobilizacións para exteriorizar unha protesta das que xa desde o Concello en diferentes mocións, iniciativas parlamentarias e misivas aos responsábeis da xerencia de Santiago se ten feito eco.

Coa COVID foise comprensivo con determinadas decisións como a atención telefónica, o peche provisional de consultorios, a non substitución de profesionais ou á priorización dos esforzos no seu combate, mais vese que non se está dando pasos para solucionalos e deixalos atrás, senón que se manten a situación moi precaria da plantilla actual (en especial posto de relevo nas quendas de tarde) o necesario reforzo do PAC para que este servizo non recaia sobre os profesionais da tarde. Deste xeito se está a degradar a atención pública e xerar un malestar que non debería dirixirse aos profesionais senón a quen ten que responsabilizarse de dotar de medios humanos abondo ao sistema, neste caso o SERGAS

Consistorio Rianxo