O Club Náutico Deportivo de Ribeira celebra os seus 50 anos da andaina promovendo a actividade social e deportiva

O Club Náutico Deportivo de Ribeira está de celebración esta tempada, conmemorando os seus 50 anos de vida impulsando no concello e na comarca a actividade social e deportiva e poñendo a localidade ribeirense no mapa das principais rutas, competicións e experiencias náuticas de Galicia, España e o mundo.

Ramiro Carregal Rey e José Luis Torres Colomer nunha foto de Juan Caballero

Segundo se fai saber no comunicado conmemorativo deste medio século de actividade emitido dende o club, este naceu o 2 de setembro de 1972, cando un grupo de amigos entusiastas do deporte da vela reuníronse nos locais do Hotel Moderno, coa finalidade de crear un club náutico e nomeando, con este obxectivo, unha comisión xestora composta polos socios Luis Tourón López, Leovigildo Alonso Fortumbel, Manuel Muñiz Louro, Rosendo Novo Romero, Pascual Rosón Rosón, José Colomer Fernández, Manuel Guerra Campos, Manuel Cores Cores, Emilio Fernández de Sanmamed Hermo e Ramiro Carregal Rey, que terían a misión de redactar os estatutos e sometelos á aprobación da xunta xeral.

A contribución de Ramiro Carregal

No texto conmemorativo ponse o foco nas importantes contribucións de Ramiro Carregal ao desenvolvemento do club, dende os seus inicios como socio número 1 e presidente da entidade: “Baixo a batuta de Carregal prodúcense os primeiros grandes investimentos e adquisicións para a mellora da infraestrutura do club e a promoción do deporte da vela, como a compra dunha vintena de Optimist e Vaurien, así como unha lancha de salvamento e a organización da primeira regata Baía de Ribeira”.

Ao longo destes 50 anos, 10 presidentes dirixiron o destino da sociedade, un longo percorrido de medio século iniciado en 1972 até os nosos días, con José Luis Torres Colomer na presidencia as dúas últimas lexislaturas.

Datas clave na dilatada historia do club foron a do nomeamento de Ramiro Carregal como presidente de honra en 1.999, tras a efectuada en 1975 ao marqués de Revilla; ou a alta distinción ao propio Carregal como socio número 1, en 2017.

No comunicado dos 50 anos sinálase que “ambos os nomes serían claves na traxectoria do Club Náutico e Deportivo de Ribeira, a do marqués pola cesión dalgúns dos seus terreos na praia de Coroso, e a de Carregal como impulsor da primeira sede social, o apeadeiro de Coroso, no ano 1979”.

O propio Ramiro Carregal lembra deste xeito as orixes da entidade, ao cabo dos 50 anos de intensa andaina deportiva: “Sento aquí, no club e vexo a ría, e admiro o fermosa que é. Eu non podería vivir noutro sitio. Despois de percorrer todo o mundo e ver todo o que vin, non hai nada máis fermoso que a ría de Arousa”. Pola súa banda, o actual responsábel do club, José Luis Tores Colomer, resúmeo desta maneira: “Presidir o Náutico de Ribeira é un retiro fermoso e satisfactorio despois de tantos anos de duro traballo, que aínda non cesou, xa que dirixir o club leva as súas responsabilidades e gran dedicación, O náutico é un apéndice da cidade de Ribeira e do seu porto, onde convivimos en plena comuñón”.

Grandes regatas

O Club Náutico e Deportivo de Ribeira consolidou o seu posicionamento na organización de grandes regatas. Non en balde destaca no calendario oficial da Real Federación Galega de Vela por ser os precursores dos maiores eventos da comarca do Barbanza, como son a convocatoria para a clase Cruceiro de citas tan destacadas como as regatas FRINSA – Trofeo Presidente Ramiro Carregal Rey, CONGALSA e Gadis, colaborando tamén co Real Club Náutico Portosín na celebración do Gran Trofeo Faro de Corrubedo, ou en vela lixeira con regatas locais ou clasificatorias da clase Optimist, que promoven a vela infantil.

“Nos plans do club para os próximos anos están seguir atendendo cos mellores servizos aos socios e reforzar a firme aposta pola promoción dos deportes náuticos”, termina dicindo Colomer, quen foi o primeiro director de Pesca e Marisqueo da Xunta de Galicia, alcalde de Ribeira, presidente da Deputación da Coruña e senador, tras os seus anos como capitán de pesca a bordo do Tuy e do Miño, en Pescanova, e agora presidente da entidade social e deportiva de Ribeira.