Miguel Alonso presenta a súa nova novela na Romaría das Letras de Boiro

O músico e escritor Miguel Alonso presenta a súa nova novela O caso dos amantes de París (Belagua, 2021) en varios lugares da xeografía galega. Por unha banda no concello do Corgo, este 15 de maio ás 18.00 horas no marco da celebración das Letras Galegas. Pola outra, Alonso dará a coñecer a obra na Romaría das Letras de Boiro, convidado pola Asociación Cultural Barbantia. Será o propio 17 de maio ás 16.30 horas e estará acompañado pola profesora e contacontos Irene Quinteiro. A asistencia é de balde e as persoas asistentes poderán facerse cun exemplar asinado da novela.

Miguel Alonso conta cunha traxectoria musical que abarca xa tres discos, ademais de proxectos paralelos como Minguante ou a banda infantil Música Miúda, sempre vencellado á música de autor en galego. En 2017 publicou a súa primeira novela, O caso Quintana (Belagua Ediciones), primeiro libro da serie Os casos do cuarto 010, as aventuras da estudante de psicoloxía Laura Mariño.

Agora publica O caso dos amantes de París (Belagua Ediciones), a segunda destas historias. Nesta novela negra, na que Laura terá que desenlear un novo misterio ao ritmo da chancon francesa, poderemos atopar críticas nada veladas ao xornalismo actual que exercen algúns medios. O booktrailer do libro está dispoñíbel para o seu visionado en Youtube. Tamén podemos ler a sinopse na web da editorial e unha entrevista co autor falando da súa nova obra.