Lorenzana salienta as medidas de conciliación, igualdade e responsabilidade social de CONGALSA

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este 3 de maio a sede da empresa CONGALSA na Pobra do Caramiñal, referente non só do sector da alimentación e da transformación tecnolóxico no sector senón tamén da conciencia empresarial, social, laboral e medio ambiental (recibiu en 2020 o premio da Xunta á Responsabilidade Social polas súas boas prácticas). No acto, conselleira puxo en valor o traballo que en prol da igualdade están a facer as empresas galegas como CONGALSA, ao “avogar por políticas de igualdade de xénero, de conciliación e de equidade retributiva”. Nesta liña a implicación da Xunta “é absoluta”, resaltou a titular de Emprego.

A conselleira destacou actuacións da firma pobrense que van no camiño da da plena equiparación de dereitos ao contar cun Plan de Igualdade, “unha ferramenta que permite avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes no entorno laboral e erradicar a fenda salarial por razón de xénero”, no que se recollen medidas para unha retribución salarial equitativa para o mesmo posto, un protocolo de prevención e actuación fronte á violencia de xénero ou formación en igualdade laboral. Nesta empresa as mulleres representan o 67% do cadro de persoal, salientou a conselleira, destacando tamén “as actuacións de CONGALSA en materia de conciliación, todo un exemplo a seguir, dado que a empresa aposta pola flexibilización de horarios, o teletraballo ou o servizo de gardería; de feito, xa no ano 2020 fostes merecedores do Premio á Responsabilidade Social na categoría de conciliación que outorga a Xunta de Galicia”, subliñou Lorenzana.

Para a representante da Xunta “só indo da man, Administración e empresas, podemos lograr o obxectivo común de conseguir unha igualdade real no emprego e un maior benestar no ámbito laboral”, dixo, lembrando un dato da Organización Internacional do Traballo que indica que seis de cada dez compañías que promoven a igualdade laboral aumentan os seus beneficios entre un 5% e un 20%.

CONGALSA, empresa especializada en alimentación con sede na Pobra do Caramiñal, facturou en 2021, xunto á súa filial lusa de Sulpasteis, por riba dos 113 millóns de euros. A compañía conta con máis de 560 traballadores e comercializou o ano pasado 26.000 toneladas das súas diferentes gamas de produto.

Lorenzana estivo acompañada na súa visita do equipo directivo de CONGALSA e parte do seu cadro de traballadoras e traballadores, ademais de polo alcalde pobrense Xosé Lois Piñeiro.