Lara Domínguez, voluntaria da ONG Solidary Wheels: “Sabemos moi pouco de Ceuta, Melilla e dos seus valados, da situación na fronteira sur de España”

Falamos con Lara Domínguez Pena, unha moza de 27 anos nada en Compostela, pertencente a Castiñeiras (Ribeira) e residente en Boloña (Italia) que vén de pasar dous meses en Melilla colaborando coa ONG Solidary Wheels, unha organización que loita pola defensa e promoción dos dereitos humanos daquelas persoas que se atopan atrapadas nas fronteiras europeas (neste caso na de Melilla).

Lara Domínguez é voluntaria da organización Solidary Wheels

Nos últimos tempos o que nos preocupa a todas e todos é a guerra de Ucraína, un acontecemento sen dúbida moi grave que está presente na nosa vida cotiá aínda que sexa dende a distancia. Unha guerra que deixa nun segundo plano todos os demais problemas do mundo. Escoitamos falar de vítimas e fronteiras, fronteiras que moitas veces marcan a diferenza entre estar vivo ou morto, entre ter unha vida ou non tela. Partindo disto lembramos unhas palabras do escritor uruguaio Eduardo Galeano, un dos favoritos da protagonista desta entrevista, el falou de fronteiras, el falou de muros que caen (como o de Berlín) e de muros que se alzan (como o dos EE.UU. fronte a México). Galeano preguntouse por que ten que haber muros altisonantes e muros mudos? Dito doutro xeito: muros de primeira e muros de segunda, vítimas de primeira e vítimas de segunda. Nós facémonos a mesma pregunta e facémoslla tamén a Lara.

A estrada que bordea o valado da fronteira. Imaxes: Lara Domínguez e Michele Muzzi

-Lara, por que cres que todo o mundo coñece o muro de Berlín e case ninguén coñece ou se preocupa polo valado de Melilla?

Como di María José Aguilar-Idánez, catedrática de Traballo e Servizos Sociais, cando describe o mecanismo da empatía selectiva: para algúns “a compaixón é proporcional á distancia”.

O primeiro paso é recoñecer que vivimos nunha sociedade atravesada por un racismo estrutural no que as persoas racializadas son vítimas dun proceso de deshumanización. Por conseguinte, isto incide na nosa percepción dos movementos migratorios e das fronteiras. Así é que existen migrantes de primeira e migrantes de segunda, muros altisonantes e muros mudos.

-Unha pregunta que de seguro che fan a miúdo: que foi o que che levou a facerte voluntaria? Por que elixiches Solidary Wheels e Melilla?

Dinme conta do pouco que sabemos de Ceuta, Melilla e o seus valados, da situación na fronteira sur de España. De cando en cando chegan novas dalgún intento de salto, da violencia policial, difúndense algúns discursos de ultradereita que tentan promover odio cara as persoas migrantes. Estes feitos, estas imaxes, quedaron para sempre gravadas na miña cabeza. Experimentaba (e experimento) unha grande sensación de impotencia e de non resignación. Isto, mais a curiosidade por coñecer e aprender leváronme a poñerme en contacto con Solidary Wheels para posteriormente realizar a miña viaxe a Melilla.

-Pódesnos contar en que consistiu o teu labor de voluntaria en Melilla?

A asociación traballa principalmente con persoas migrantes en situación de rúa, sobre todo con rapaces marroquís, un dos colectivos máis desprotexidos en Melilla. Unha das miñas funcións foi a de apoio á figura de intervención social. Solidary Wheels creou nos últimos anos diferentes espazos de intervención na rúa, espazos seguros para as persoas en tránsito, onde poidan expresarse e ser escoitadas. Grazas a esta escoita activa, as voluntarias podemos coñecer a situación de vida destas persoas e identificar que tipo de necesidades teñen e así poder acompañalas, por exemplo, en trámites burocráticos, administrativos ou cun acompañamento xurídico se fose necesario (grazas á presenza dunha asesora xurídica en terreo e dun grupo de traballo que apoia dende a Península). Outra das funcións das voluntarias é informar dos diferentes recursos aos que teñen dereito a acudir, dar a coñecer diferentes entidades ou recursos dos que poden dispoñer na Península e sobre todo fomentar que as persoas migrantes sexan suxeitos activos na defensa dos seus dereitos: ofrecendo información sobre o sistema de acollida español, sobre a Lei de Estranxeiría, informando aos menores de idade sobre o funcionamento do sistema de protección á infancia…

Outra das nosas responsabilidades é recoller, documentar e denunciar a vulneración de dereitos das persoas en movemento na cidade de Melilla. A documentación e denuncia realízase grazas ao traballo das voluntarias en terreo coa colaboración dun grupo de activistas e voluntarias que participan online nos distintos grupos de traballo da asociación Solidary Wheels, como son os grupos de Intervención Social, Documentación, Comunicación e Xurídico. Do mesmo xeito, o traballado en rede con outras entidades e asociacións de Melilla é fundamental para levar a cabo este traballo. Ao ser Solidary Wheels unha asociación non xerárquica, unha parte do meu voluntariado adiqueino a temas como a autoorganización, coordinación e comunicación interna.

-Sabemos que a túa estadía na cidade española en África coincidiu cunha tentativa de salto do valo, máis de 800 persoas conseguiron cruzar a fronteira que separa Europa de África este pasado mes de marzo. Imaxinamos a impresión que iso pode provocar como testemuña, cal sería a túa versión dos feitos? Que che gustaría subliñar e que che gustaría denunciar?

Durante a miña estadía na cidade autónoma, os días 2, 3, 4 e 8 de marzo tiveron lugar un total de case 6.000 intentos de salto do tripe valo. Os medios oficiais din que nunca tantas persoas o tentaran ao mesmo tempo. Isto pon en relevo a situación dramática que viven as persoas migrantes, neste caso falamos de persoas procedentes da África subsahariana, que durante os últimos anos por mor do peche da fronteira de España e Marrocos quedaron atrapadas en territorio marroquí. Confinadas no Monte Gurugú, agardando para poder seguir a súa viaxe.

Todos os intentos aconteceron sempre moi cedo pola mañá, descubrín que raramente o tentan polas noites, xa que toda a zona do valo e da fronteira non conta con iluminación. As persoas migrantes, xa sexa porque o viviron na propia pel ou de oídas, saben que saltar de noite pode implicar máis violencia por parte das autoridades españolas e marroquís. Debido á escuridade é máis complexo gravar estas agresións ou outro tipo de vulneracións de dereitos, como poden ser as devolucións en quente.

O equipo de Solidary Wheels vivimos en primeira persoa devolucións en quente (pushbacks). Ao outro lado da valado puidemos ver persoas en pésimo estado de saúde, como consecuencia do intento de salto, cómpre lembrar que se trata dunha acción moi perigosa (falamos de 7 metros de triplo valado), e probablemente da violencia policial fronteiriza.

O segundo día, non puidemos acceder á zona dos saltos pero pasadas unhas horas, cando marchou o despregue policial, puidemos ver centos de persoas retidas a punta de pistola, obrigadas a estar deitadas no chan en territorio marroquí. Agardaban a chegada de decenas de autobuses, que levarían ás persoas migrantes ao deserto ou a centros de detención (sabémolo por testemuñas de asociacións polos dereitos humanos que se atopan en Marrocos).

Das devolucións en quente que presenciamos fixemos unha queixa ao defensor do pobo e denunciamos publicamente a violencia policial desmedida e inxustificada que se exerceu contra os migrantes.

Os medios nacionais fixéronse eco os primeiros días dos saltos a través de titulares sensacionalistas, onde vendían os feitos acontecidos como unha invasión. Nada que ver coa realidade. Gustaríame subliñar que estas persoas son solicitantes de protección internacional e deben protexerse e recoñecerse os seus dereitos da mesma maneira que, por exemplo, ás persoas procedentes de Ucraína. Co caso de Ucraína demóstrase que se existe vontade política pódese xestionar a acollida das persoas migrantes e pódense crear vías legais e seguras.

-Entre eses centos de persoas que veñen na procura dunha vida mellor, hai moitos menores de idade que piden axuda e protección internacional, chegan de moitos países (Costa de Marfil, Mali, Gambia, Senegal, Sudán do Sur, Burkina Faso, Guinea, Chad, Camerún, Libia, etc). Algo debemos estar facendo mal cando se fai distinción entre nacionalidades á hora de protexer e recoñecer dereitos. Que acontece neste senso?

Si, como ben dis entre as persoas que accederon a territorio español tras os saltos de marzo atópanse arredor de 30 menores de idade e persoas que proveñen de países ou zonas afectadas por conflitos. Así que é moi probábel que as devolucións das que falaba antes se levaran a cabo vulnerando os dereitos de menores e de persoas susceptíbeis de protección internacional.

-Tamén coincidiu a túa estadía en Melilla co recente achegamento do Goberno español a Marrocos. Cres que iso repercutirá dalgún xeito aos migrantes que queren cruzar a través de Melilla?

Si, dende hai anos algúns aliados estratéxicos de Marrocos reciben grandes subvencións dende fondos da Unión Europea para financiar o reforzo e o control da fronteira, isto implica unha xestión da migración previa á entrada en Europa. Con esta práctica tratan de evitar a saída do territorio marroquí das persoas en tránsito e trasladan forzosamente a moitas persoas ao deserto do Sáhara.

É importante lembrar que non é a primeira vez que Marrocos utiliza ás persoas migrantes como arma política con aperturas e peches fronteirizos. O novo achegamento do Goberno español con Marrocos implica a apertura da fronteira e terá repercusión directa nas persoas en movemento, pois o diálogo en materia migratoria é un dos motivos principais deste achegamento xeopolítico.

-Para rematar, cal é o mellor xeito de axudar a toda esta xente que procura unha vida mellor? Sabemos que dende a web de Solidary Wheels tedes un apartado de doazóns e tamén un de voluntariado. Que lle recomendas a alguén que quere botar unha man?

Hai moitísimas maneiras de contribuír. A primeira é non facer como que o racismo non existe. Infórmate! Busca información máis alá do telexornal e dos medios mainstream, contrasta a información que recibes… Escoita ás persoas en tránsito, as historias contadas en primeira persoa. Outro traballo que podemos facer é revisarnos, revisar os nosos prexuízos e as nosas actitudes; compartir cos demais este proceso e denunciar as vulneracións de dereitos que coñecemos ou presenciamos. O activismo é outro xeito de axudar, doa o teu tempo! Busca entidades ou asociacións (máis alá das grandes ONG’s que todos coñecemos) que traballen con persoas migrantes na túa cidade e pregunta como podes axudar. Se tes formación e/ou interese polas fronteiras e os movementos migratorios, achégate a entidades que traballan con estas realidades. Por exemplo, eu comecei o voluntariado na modalidade online, antes de viaxar a Melilla. Se neste intre non podes adicar o teu tempo a colaborar de maneira activa, sempre podes botar unha man a través de doazóns. Deste xeito fas posíbel proxectos como o de Solidary Wheels e podes contribuír na defensa e promoción dos dereitos humanos na fronteira sur de España: “unha das máis desiguais do planeta, formada por un valado que manca e deshumaniza e un mar que mata e esquece.”

Imaxes de Melilla e Marrocos de Lara Domínguez e Michele Muzzi