ICE Renovación e o Concello impulsan unha lavandaría solidaria e un calor café na rúa Cervantes

As instalacións do numero 11 da rúa Cervantes, en Ribeira (sede de ICE Renovación), recibiron na mañá deste 13 de maio a visita do alcalde Manuel Ruíz, e da concelleira de Servizos Sociais, Ana Barreiro, con motivo da posta en marcha dunha lavandería solidaria e dun calor café. Este servizo foi habilitado a raiz do convenio de colaboración subscrito entre esta organización humanitaria e o Concello de Ribeira no pasado febreiro.

Guiados por Jonathan Figueirido, Ruiz e Barreiro tiveron oportunidade de coñecer os ditos servizos e outras liñas de traballo que se desenvolven nestas dependencias en coordinación co Departamento de Servizos Sociais co ánimo de axudar ás persoas en risco de exclusión. Tal é o caso do roupeiro e dos almorzos solidarios nos que se proporciona unha comida quente aos usuarios.

Manuel Ruiz destacou “o papel do voluntariado de ICE Renovación” así como “doutras entidades do municipio á hora de colaborar desinteresadamente na atención aos veciños que o precisan” e fixo público o seu recoñecemento pois “é unha axuda que facilita moito o labor municipal e permite que os cartos públicos poidan destinarse ademais a outras necesidades sociais”.

Pola súa parte, Jonathan Figueirido explicou que “son moitas as cousas que se poden facer para que estas persoas poidan recuperar a súa dignidade e integrarse na sociedade”. Quixo agradecer o apoio “non só moral senón tamén económico” do Concello e tamén tivo palabras de gratitude para os seus compañeiros por servir a esta cidade: “canto mellor vaia mellor nos irá a nós tamén”, concluíu.

Na visita estiveron presentes unha decena de voluntarios de ICE Renovación, así como Manuel Mirás en representación de Cáritas Parroquial.