Fran Sieira súmase ao elenco de artistas de Mar Diverso, o festival de Ambar

A Asociación Ambar confirmou este venres 6 de maio que Fran Sieira, destacado artista escénico da comarca da Barbanza, forma parte oficialmente do elenco de artistas que dirixirán as pezas plásticas e escénicas do festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro Mar Diverso, impulsado pola entidade de persoas con diversidade funcional. O certame celebrase entre o 26 e o 31 de xullo na contorna da ría de Arousa.

Ambar engadiu que Sieira xa está a traballar xa co grupo de artes escénicas de Ambar formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos, coñecidas polas performace Elas e As paisaxes de Camille e galardoadas co premio Begoña Caamaño no 2021. En palabras do propio artista, a peza escénica que prepara o grupo “fala de mar, de brisa, de praia, de traballo, de lecer. Todos eses sentimentos que para min neste caso me esperta a nosa costa galega, que é marabillosa”.

Traxectoria dun reputado artista

Fran Sieira (Ribeira, 1990) é bailador dende os 8 anos. Director artístico do Grupo de Baile e Música tradicional Tahúme dende 2003, interveu nos espectáculos Isolma (2007) da compañía G221, Alén da Croa (2012) da compañía Quique Peón Cía, e Son (2016) da compañía Nova Galega de Danza, entre outros.

En novembro do 2017 creou o seu propio proxecto profesional, Fran Sieira, Compañía de Danza, onde utiliza o baile tradicional galego como o seu principal mecanismo de expresión pero dende un marco contemporáneo. Estrea en 2018 o seu primeiro espectáculo EntreSoños. Despois de tres anos en xira con vinte e tres funcións por todo Galicia, naceu o proxecto DeMente, estreado no 2021, xirando na actualidade por toda Galicia, e participando en varios festivais nacionais.

Segundo indica o propio Fran, a peza escénica que se está preparando pretende “transportar ó público a outro lugar, momento, incluso a outros tempos, facer desfrutar do noso Mar Diverso a través da inspiración de danzas mariñeiras, de muiñeiras, maneos e xotas cheas de creatividade”.