Cultura de Ribeira presenta unha axenda de campamentos de verán con varias novidades importantes

25 Maio 2022

A Concellería de Cultura de Ribeira compartiu máis detalles sobre unha das iniciativas máis relevantes para as familias nesta vindeira tempada vacacional: os Campamentos de Conciliación do Verán 2022. Serán no CEIP O Grupo de Santa Uxía e introducirán unha serie de novidades a ter en conta en relación ás anteriores convocatorias. Por exemplo, aos campamentos tradicionais como o Xoga con Nós ou o Camp of Cultural Summer súmaselle este ano o Campamento Urbano nos meses de xuño e setembro. Asemade, amplíanse os horarios destas xornadas de lecer nunha hora, de 08:30 a 14:30 h de luns a venres, amais de estar previsto entregar unha merenda gratuíta un dos días da semana (froita) aos asistentes.

Por outra banda, a Concellería de Cultura tamén fixo saber que se porá a disposición das crianzas a posibilidade de desfrutar dun servizo de almorzo e de xantar (cun grupo mínimo de participantes e cun custo que será abonado directamente polas familias ao adxudicatario).

A preinscrición está previsto que se abra o vindeiro luns 6 de xuño, no Rexistro do Concello e, tamén, de xeito telemático a través da web municipal, www.ribeira.gal. O departamento de Cultura tamén fixo saber que os prezos dos campamentos “serán todo o axustados que poidan ser” e haberá descontos para familias numerosas, acolledoras, desempregados de longa duración, con discapacidade, segundo irmán en actividade, etc, así como exención de matrícula para usuarios derivados directamente polos Servizos Sociais. As prazas son un total de 200 e os criterios de admisión terán en conta ás familias monoparentais, traballadores os dous pais ou residentes en Ribeira, entre outros parámetros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.