Boiro acollerá unhas xornadas de herboloxía para divulgar as propiedades das nosas plantas medicinais

O Concello de Boiro e o Instituto de Herboloxía Sarela presentou este 19 de maio un programa de actividades divulgativas e formativas sobre as nosas plantas e as súas propiedades e aplicacións medicinais. Trátase dunhas xornadas de herboloxía que se desenvolven ao abeiro do programa O bosque da familia e a memoria, que ten como obxectivo ofrecer actividades de coñecemento e recolección das herbas de San Xoán e tamén de outras especies medicinais. O concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, e a coordinadora do Instituto de Herboloxía Sarela, Diana Laíño, deron a coñecer este xoves 19 as iniciativas previstas.

Segundo fixeron saber, o programa está formado por dúas actividades, unha delas para coñecer a historia e utilidades das herbas de San Xoán. Esta xornada contará cunha saída de campo en dous grupos o día 18 de xuño para apañar as herbas.

A segunda xirará arredor do coñecemento de plantas tradicionais e mediciñais galegas e constará de tres xornadas. A primeira delas será unha presentación sobre as plantas que teñen uso terapéutico, a segunda xornada será unha saída de campo para coñecer todo o relativo ao cultivo e recolección de plantas e na última das xornadas explicarase o secado e tratamento para facer un herbario.

As inscricións ás distintas xornadas abrirán o luns e poderanse facer a partir deste mesmo día a través do Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. Toda a información e formularios de inscrición estarán a disposición das persoas interesadas na web municipal, www.boiro.gal.