As Illas Atlánticas e as dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán entre os parques galegos con investimento para a súa posta en valor

24 Maio 2022

A Xunta subliñou hoxe que os sete parques galegos exemplifican a gran variedade natural e paisaxística que identifica á Comunidade atraendo cada ano a miles de visitantes, polo que seguirá apostando pola
súa posta en valor a través de axudas e investimentos que suman 8,4 millóns de euros.
Co gallo do Día europeo dos parques, cuxo lema este ano é Somos natureza: repensar, restaurar, reconectar, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe nas Fragas do Eume nunha xornada de convivencia dirixida aos máis dun cento de axentes, peóns e outros traballadores que prestan os seus servizos nos seis parques naturais e no Parque Nacional, na que tamén estiveron a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Tras agradecer ao persoal da Consellería o labor que realizan nestes espazos e subliñar o “papel crucial” que exercen para garantir a súa protección e divulgar os seus valores entre os visitantes, Ángeles Vázquez salientou o patrimonio medioambiental de incalculable valor que atesoura Galicia, “unha Comunidade rica en natureza” e que ten nos seus sete parques a súa “mellor carta de presentación en España e en Europa”.
Neste sentido, considerou que, tal e como reflicte o lema escollido este ano para celebrar o Día europeo dos parques, é un bo momento para reflexionar e poñer en valor a riqueza dos recursos naturais e buscar un contacto máis directo con eles.
Así, despois de dous anos nos que, lembrou, a pandemia da covid e os longos períodos de confinamento propiciaron que os galegos redescubriran as súas contornas naturais, convidou a “conectar coa natureza” tanto á cidadanía como ás persoas que visitan a Comunidade atraídas polo reclamo que supón o seu patrimonio medioambiental.
Con este obxectivo a Consellería impulsou este ano a campaña 7 días, 7 parques, unha iniciativa promocional presentada en Fitur en xaneiro coa que se pretende, tal e como explicou Vázquez Mejuto, animar a explorar e coñecer cada un dos seis parques naturais galegos —O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Fragas do Eume— e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Para garantir que esa experiencia sexa satisfactoria, o capataz do Parque Natural Fragas do Eume, Carlos Franco, puxo en valor o traballo que o persoal ao seu cargo desenvolve neste espazo natural, ao igual que no resto da rede de parques. “O bonito non é só que a xente visite as Fragas senón que saian reflexionado e coñecendo algo máis. O noso reto é que teñan unha atención máis persoal e coidada”, explicou Franco ante unha ampla representación de traballadores dos sete parques convidados a participar nunha xornada de confraternidade e intercambio de experiencias.
Esforzo económico por parte da Xunta Pola súa parte, a conselleira reivindicou tamén o papel da Administración autonómica na preservación, protección e divulgación destes espazos singulares e representativos da riqueza natural de Galicia.
Asi, avanzou que aos case 5 millóns de euros destinados no período entre 2020 e 2021 aos sete parques galegos, sumaranse os 1,4 millóns de euros da orde de axudas xa convocada dirixida a concellos, particulares e entidades para a execución de actuacións que contribúan á mellora e conservación destas zonas. Así mesmo, tamén salientou a oportunidade que ofrecen os fondos europeos do NextGenerationUE, grazas aos que a Xunta destinará preto de 7 millóns de euros a executar proxectos en todos os parques.
No caso das Fragas do Eume, subliñou que entre os valores naturais que atesouran, destacan os seus bosques atlánticos caducifolios, que o converten no exemplo mellor conservado de Europa. Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que a Xunta quere preservar esta singularidade dotándoo do seu propio Plan reitor de uso e xestión, un documento que previsiblemente estará listo este ano.
Entre as actuacións previstas neste parque, destacou a recuperación de 75 hectáreas de eucaliptais que a Xunta adquirirá para impulsar unha fraga autóctona, cun investimento 1,3 millóns de euros. A tal fin, explicou que o proxecto se levará a cabo en terreos enclavados nas masas de fraga ou lindeiros coas mesmas —na súa maior parte, parcelas de forte pendente e difícil acceso— para a recuperación do arborado autóctono.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

Este ano de 2024 celebramos meio século dende aquele Abril dos Cravos, Portugal era uma ditadura, os jovens capitães rebelaram-se e tomaram o poder, sendo um exemplo global ao entregar o poder ao povo.O contra-sinal do levante era “E depois doa deus”, depois a...