Adxudica a construción dunha senda peonil na AC-305 en Burés, no concello de Rianxo

A Xunta adxudicou as obras de execución dunha senda peonil na estrada autonómica AC-305, en Burés, no concello de Rianxo.

As obras, adxudicadas á empresa Excavaciones Nima S.L, por un importe de preto de 50.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

Trátase da execución dun treito de senda pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10+180 e 10+280.

Con esta actuación a Xunta atende unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se prevé a disposición dun refuxio para os usuarios do transporte público.

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúen a limpeza e escavación na marxe esquerda da estrada, no treito de actuación, así como a colocación dun colector de PVC de diámetro 400 mm, para canalización das augas pluviais.

Tamén se prevé o recheo con material seleccionado e o estendido de pavimento de 15 cm de formigón, completándose co reforzo de firme, mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Este itinerario complementa á senda que se desenvolverá pola marxe dereita da AC-305 e que conectará A Casilla, O Araño e Burés, tamén en Rianxo. Estas obras foron licitadas o pasado 12 de abril e suporán un investimento de máis de 500.000 euros.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.