A Marea de Noia critica os atrasos nas citas médicas de pediatría

A Marea de Noia vén de emitir un comunicado no que denuncia a calidade da atención médica á nenez no concello, poñendo o foco no que se consideran unha falta de axilidade na mesma, o que deriva en que “os nenos e nenas de Noia teñan que agardar até 10 días para unha cita”. O grupo municipal da Marea Cidadá de Noia di ter recollido as queixas de varias familias que mostraron o seu malestar pola “longa lista de agarda na atención primaria no servizo local de pediatría”, sinalan.

Dende a Marea destacan que “estamos ante unha situación moi delicada, e que presumiblemente vaise repetir a falta de medios do pasado verán, é dicir, nun ano a Xunta de Galicia non fixo absolutamente nada en reverter a situación”. E engaden: “É obvio que unha consulta na atención primaria en pediatría non pode tardar tanto tempo”.

Dende a Marea opinan que “a sanidade en Noia atópase nun caos organizativo en canto á xestión de persoal”. Anuncian que nos vindeiros días comezará unha campaña de recollida de sinaturas pola vila para “tratar unha Iniciativa non de lei no Parlamento Galego co obxecto de que se revise a xestión que está a facer a Consellería de Sanidade no Concello de Noia”. Tamén critican o que consideran “unha política de silencio do alcalde”, que, segundo din, “non se preocupa polo que pasa, sabemos que a veciñanza lle transmite a situación e non fai ningunha xestión para que esta situación mellore”.