A Deputación da Coruña confirmou a súa colaboración este ano coa Asociación Saúde Mental A Creba, achegándolle recursos de financiamento para os seus servizos de inclusión. En concreto, a entidade provincial resolveu dúas liñas de financiamento para a entidade social da nosa comarca: unha para a axuda á compra dunha vivenda tutelada cun importe de 42.500€ e outra para a axuda ao mantemento do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de A Creba de Noia cun importe de 23.000€.
A Creba, como recordaremos, xestiona dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, un Centro Ocupacional así como catro Vivendas Protexidas, como alternativa de aloxamento, desde o ano 2000, no que se puxo en marcha o primeiro piso. As vivendas están localizadas no municipio de Noia, tres delas están en réxime de alugueiro e unha delas está cedida polo Concello.
“Con estes recursos”, sinalan dende A Creba, “pretendemos ofrecer unha alternativa residencial a persoas con discapacidade a consecuencia de trastornos mentais así como promover a desinstitucionalización de persoas con trastorno mental persistente con autonomía de conduta pero sen posibilidades de convivencia familiar, e que requiren de axuda psicosocial para o seu desenvolvemento e integración social na comunidade”.