A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo, subvenciona este ano con 1.258.849,58 euros trece programas para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas, dentro do seu plan dirixido a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos. Esta liña de axudas contempla, por primeira vez na convocatoria do 2022, o turismo de Congresos e os Convention Bureau.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira indica que “é unha liña moi ben dotada economicamente, que posibilita que os entes de xestión conten con persoal cualificado para abordar obxectivos concretos tan importantes como contar con secreterías técnicas especializadas, estruturar produto, e mellorar a calidade e competitividade en destino”.
As entidades beneficiarias das axudas son a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (88.000 €), Asociación Profesional de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía (18.449,58 €), Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía (112.000 €), Asociación para o Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (144.000 €), Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas (48.240 €), Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia (60.000 €), Costa da Morte Asociación Turística C.M.A.T. (74.160 €), Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau (144.000 €), Mancomunidade de Municipios Comarca de Ordes (50.000 €), Mancomunidade da Ría de Arousa-Zona Norte (110.000 €), Mancomunidade de Concellos Comarca de Ferrol (140.000 €), Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña (150.000 €) e Informacion e Comunicación Local, S.A. de Santiago (120.000 €).
