A Banda da Escola de Música de Rianxo celebra este sábado o seu XIX aniversario

Este sábado prosegue en Rianxo a exaltación da cultura galega, concretamente na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal, onde a Banda de Escola de Música de Rianxo vai celebrar cun concerto o seu XIX aniversario. Será ás 18.00 horas no Auditorio, baixo a batuta do director da banda, Rafael Collazo. As persoas interesadas en acudir deberán reservar as súas localidades a través do formulario en liña habilitado.

Un pouco de historia

A Escola de Música de Rianxo creouse no verán do 2001 coas iniciativas e inquedanzas do seguinte grupo de músicos Rianxeiros: Ramón Pérez, Carlos Figueira, José Fungueiriño e Rafael Collazo. Nace como “un proxecto educativo para servir de complemento á educación dos/as mozos/as rianxeiros/as”. Na actualidade a Escola de Música de Rianxo conta con máis de 200 alumnos, e con 19 mestres/as. Como resultado desta iniciativa cultural, xorde no ano 2003, con alumnos da propia escola, a Banda da Escola de Música de Rianxo.

Entre outros recoñecementos, a banda obtivo en 2008 o 1º premio no II Certame Galego de Bandas na sección terceira; e no 2016 o  1º premio no X Certame Galego de Bandas na sección segunda, celebrados en Santiago de Compostela. Desde os seus comezos, o responsábel da Banda da Escola de Música de Rianxo é o seu director: Rafael Collazo Moares.