A andaina Os 100 do Barbanza xa superou as 230 persoas inscritas a un mes do seu inicio

25 Maio 2022

Xa vai quedando menos para o inicio da sétima edición da proba Os 100 do Barbanza, un dos grandes eventos deportivos da tempada de primavera-verán, non só a nivel comarcal, senón tamén galego e estatal. Para facernos unha idea da relevancia desta cita, impulsada polo Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar, abonda lembrar que no evento implicáronse este ano (con todos os seus recursos) os sete concellos da Península do Barbanza: Lousame, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son, entidades ás que se suma a Mancomunidade Barbanza Arousa. Os 100 dos International Trekkers, a primeira proba de Ultrafondo de Galicia, celebrará os días 25 e 26 de xuño a súa sétima edición, co concello de Lousame como territorio anfitrión. Segundo puidemos saber, a andaina Os 100 do Barbanza superou xa as 230 persoas rexistradas a un mes do inicio da proba. Será, con toda probabilidade, a edición máis esixente de cantas se teñen realizado até o de agora.

O desafío

O desafío consiste en camiñar ou correr un percorrido sinalizado e balizado de 100 quilómetros por sendeiros, camiños, pistas e corredoiras polos sete concellos do Barbanza en menos de 24 horas. Os participantes, camiñantes ou corredores só fan breves paradas nos avituallamentos, polo que están en marcha de continuo.

Trátase como dixemos da sétima edición da proba, logo das convocatorias de 2014 co concello de Boiro como anfitrión, a do 2015 no de Rianxo, no 2016 na Pobra do Caramiñal, no 2017 en Noia, no 2018 en Ribeira, e no 2019 no Porto do Son. Por mor da situación sanitaria non se celebrou nos anos 2020 e 2021 . Nas últimas edicións participaron case 300 persoas e remataron un 80% delas, “o que amosa o nivel de desafío que supón esta proba, unha das más duras do circuíto galego e español”, explicaron na presentación do evento dende o Club Trekkers Barbanza Sar, engadindo que a subida acumulada desta edición é de 3.000 metros, o que dá unha idea da rigorosidade e esixencia desta convocatoria. A previsión é de que os primeiros corredores cheguen a meta nun tempo de arredor de 12 horas. Porén, o club puxo o foco no feito de que o que fai especial esta experiencia é que non se trata dun evento competitivo: “O máximo prezo está en chegar, e é unha competición contra un mesmo”.

A cita achegará 10 avituallamentos ao longo dos 100 quilómetros previstos, cun xantar entre participantes e voluntarios á chegada.

Na presentación fíxose fincapé en que se trata dun evento concibido para percorrer lugares senlleiros e destacados da xeografía do Barbanza e poñer así en valor os atractivos turísticos da comarca, dende castros, como o de Baroña, o Barbudo ou os Castelos de Vitres, petróglifos coma a Pedra da Serpe en Bealo, ou miradoiros como A Muralla, A Curota ou o miradoiro de Valle-Inclán, pasando por praias emblemáticas como a da Aguieira ou a de Baroña.

Os corredores tamén reivindicarán coa súa presenza lugares de interese cultural, como a antiga Fábrica de Papel de Domingo Fontán, o Curro das Canizadas, a Igrexa de San Vicente de Noal e sen esquecernos das mostras da arquitectura tradicional do Barbanza: 43 cruceiros, 3 pasais, e 75 hórreos de 23 parroquias nos 7 concellos.

O límite de persoas inscritas, por motivos de organización é de 300 participantes.

Como dixemos, cando aínda falta algo máis dun mes para o inicio da andaina xa hai rexistrados 232 trekkers, dos cales 192 son homes e 40 mulleres, moi preto do obxectivo fixado pola organización de que un 20% do total sexan mulleres. A maioría das persoas inscritas son galegas aínda que hai deportistas doutras comunidades como Cataluña (que conta con case unha vintena de participantes), Euskadi, Cantabria, Murcia, Comunidade Valenciana, Madrid e Castela e León.

A proba está organizada polo histórico Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar e colaboran os sete concellos do Barbanza, así como a mancomunidade Arousa Norte.

Máis información e inscricións na web dos Trekkers e na súa páxina do Facebook.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Nesta xornada Galicia continuará con inestabilidade atmosférica debido a presenza de aire frío en altura. Polo tanto, teremos ceos nubrados con chuvascos localmente treboentos durante a mañá no norte da Comunidade e sendo máis probables pola tarde no interior do...

“Libros y autores”. Alberto Barciela

“Libros y autores”. Alberto Barciela

En manos de una editorial inteligente, un libro o un animal pueden resultar una elegante evolución colorista. Las páginas se encuadernan para sustentar un cierto orden ideográfico y, a su vez, para soportar anaqueles de vidas y afanes. La huella genética se retrata en...