O Concello de Ribeira presentou os detalles de dúas propostas concretas para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade, a funcionalidade e a estética de dúas contornas no concello: a rúa Romero Ortiz en Santa Uxía (logo do cruzamento coa rúa Cervantes e baixando até a praza de Compostela) e a curva da Muiñeira na parroquia de Carreira.

Na primeira das reformas, a da rúa Romero Ortiz, prevese urbanizar un espazo moi degradado no que se estreita a calzada, procedendo ao derrube de dous inmóbeis (números 17 e 19) en estado de ruína que supoñen importantes atrancos á accesibilidade.

Na curva da Muiñeira (Campos) de Carreira, o obxectivo é aumentar a seguridade viaria e peonil coa demolición total ou parcial de cinco edificacións (na estrada DP-7305).
Estas propostas da Alcaldía serán sometidas a consideración do pleno ordinario da Corporación da próxima semana, contemplando o Concello solicitar o acceso ao vindeiro Fondo de Cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo coa finalidade de financiar a realización destas “dúas importantes actuacións dirixidas a reordenar dous espazos públicos do municipio”.
En Romero Ortiz
No tocante á actuación en Romero Ortiz focalízase en dous inmóbeis que se atopan “nun estado de conservación moi deteriorado, o que redunda na degradación do entorno, ademais de provocar un notábel estreitamento na calzada”, explica o Concello. En concreto, preténdese a adquisición e demolición de ambas edificacións (con superficies totais construídas de 163 e 124 metros cadrados, ocupando cadanseus solares 32 e 37 metros cadrados) e proceder á urbanizar a superficie resultante, creando zonas de paso, espazos verdes e mobiliario urbano. O Concello lembra que a brigada municipal de obras vén de proceder a ampliar ese mesmo tramo da rúa Romero Ortiz uns metros máis abaixo logo da cesión efectuada por unha veciña dunha porción do seu inmóbel que sobresaía da liña de casas.

Actuación en Carreira
En canto á mellora que se pretende efectuar en Carreira, o proxecto inclúe “a demolición completa de tres edificios (con números 22, 24, 26 e 28)” e “a demolición parcial do número 21, derrubando a fachada principal, rehabilitándoa e retranqueándoa á altura das edificacións contiguas”. O espazo resultante será rexenerado e reordenado, o que implicará ademais, en palabras do Concello, “a mellora da seguridade viaria e peonil na zona de actuación a raíz da modificación do trazado da rúa e o suavizado da curva”.

Segundo as valoracións recollidas nas citadas memorias de actuación, a proposta de Alcaldía contempla solicitar do Fondo de Cooperación un importe de 164.594,08 euros para a actuación en Romero Ortiz e outro de 533.709,73 euros para a intervención en Carreira. O prazo proposto para a reposición das devanditas cantidades sería de oito anos, de aquí a 2029, a razón de 20.574,26 e de 66.713,69 euros, respectivamente.
A Administración ribeirense xa recorreu ao Fondo de Cooperación para financiar a rehabilitación e ampliación da Casa do Gran Sol na rúa Galicia e crear alí a nova Biblioteca Municipal de Ribeira.



