“Un porto, un morto e promesas incumpridas”. Antón Luaces

04 Abril 2022

Malpica. Decembro de 2018. José Ángel Sarjurjoi Láuzara, patrón do pesqueiro local “Silvosa”, morría nesa data a consecuencia dun acidente producido no acceso á dársena da vila.

Foi un sinsentido, algo que puido ser evitado se ese acceso fose modificado en tempo e forma (que non o foi). E que, finado José Ángel, aínda segue sen ser corrixido.

O corpo deste mariñeiro malpicán foi recuperado no medio dos aparellos do “Silvosa” por mergulladores. Os outros tres tripulantes desta embarcación tiveron máis sorte: saíron a frote e poideron ser rescatados con vida.

Case que tres anos e  medio máis tarde aínda se estudan as causas do naufraxio. Pero todos saben en Malpica que as correntadas, a forte ondaxe que se xera nas comportas da dársena foron as que causaron a morte deste malpicán que adoraba o mar, segundo o testemuño da súa familia. José Ángel pagou coa súa vida o que para moitos mariñeiros amigos e coñecidos seus ven dun erro longamente denunciado: a carencia dun contradique que modifique esas correntes que, un día sí e outro tamén, obrigan aos pesqueiros que percuran o abrigo da  dársena a tomar todas as precaucións habidas e por haber para non colidir coas comportas ou coas paredes interiores dese reduto-refuxio no que, en teoría, os barcos están seguros. Pero só cando xa están no interior da dársena. O problema está nas manobras para entrar ou sair desta. E aquí foi onde José Ángel finou arredor das cinco da mañá do 20 de decembro de 2018. Dende esta data todo é especular, ir e vir, facer que se fai para finalmente non facer nada: o acceso á dársena malpicana é tan perigoso como o era uns días antes do Nadal de 2018.

Mestres tanto, outros proxectos avanzaron. Deben ser máis valiosos ca unha vida humana.

Portos de Galicia, entidade pública dependente da Consellería do Mar e, polo tanto, da Xunta de Galicia,  afirma que hai varias propostas, que mesmo hai enxeñeiros externos que estudan o problema, que o máis probable é que alongando o espigón do porto se solucione o problema. Pero o verdadeiro problema está, non nos enganemos, no alto custo da obra que, segundo manifestaron á confraría de pescadores desta vila da Costa da Morte, “é considerablemente cara”.

Máis ca vida dun home, pregunto?. E só atopo o chío das gaivotas e a satisfación dos condutores de camións de gran tonelaxe que acceden á zona portuaria porque, xaora, poden circular por esa especie de ponte que se mantivo pechado a este tipo de  tráfico porque tamén para el había perigo pola inconsistencia do mesmo.

Todo un cúmulo de circunstancias adversas, talvez fallos, que viñeron ocultándose, calándose, gardándose no caixón dunha mesa de despacho oficial e que, se alguén dera coa forza debida a voz de alarma e no seu momento, outro galo poidera cantar no poleiro do porto malpicán.

Proxectos?.. Seguramente todos os do mundo. Realidades?. Cero.

A Xunta vai ter novo presidente en cuestión de días. Disque. Permítome a ousadía de formular aquí a quen substitúa ao señor Núñez Feijoo na presidencia do Executivo autonómico, que marque con letras vermellas -ou azuis, dáme igual- na súa axenda oficial que se revise a situación do porto de Malpica co único obxectivo de evitar outra/outras mortes nas comportas da dársena.

Sei que son un destemido ao dicilo; pero confío en que o tempo transcorrido dende a morte de José Ángel sexa entendido como abondo e alguén se poña mans á obra de certo. Xa se fixo que se facía. Agora compre facer de verdade.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...