O Concello de Boiro aumentou o cadro de persoal da Policía Local. Fíxoo coa incorporación de dous novos axentes que contan coa praza en propiedade correspondente á Oferta de Emprego Público. O alcalde, José Ramón Romero, recibiu na mañá deste 25 de abril, no seu despacho, aos tres novos membros do corpo.
O departamento de Persoal do Concello de Boiro levou a cabo todo o proceso selectivo para a provisión en propiedade destas prazas de Policía Local en modalidade de funcionario de carreira correspondentes á OPE 2019. “Foi un proceso longo pero que tivo moi bos resultados, estou seguro de que estas novas incorporacións van realizar un bo traballo no corpo da Policía Local de Boiro”, afirmou o alcalde.

O rexedor tamén engadiu que os novos axentes teñen que completar dous períodos de formación na Academia Galega de Seguridade e un de prácticas no Concello de Boiro antes de incorporarse de xeito definitivo á Policía Local de Boiro. Romero animou aos axentes no traballo que lles queda por diante xa que “van iniciar unha profesión ás veces complicada pero moi bonita e moi gratificante cando o traballo se fai ben”.
