Sherpa do Mar remata a súa andaina lanzando ao mercado unha ducia de revolucionarias startups

01 Abril 2022

O proxecto europeo Sherpa do Mar rematou a súa andaina impulsando o lanzamento ao mercado dunha ducia de firmas innovadoras que, dende diferentes frontes e a través de formatos diversos, modernizan o sector mariño-marítimo da contorna galego-portuguesa. No balance que coincide co remate do proxecto tamén se fai saber que Sherpa do Mar (liderado polo Grupo Rede, o Campus do Mar e a Oficina de I+D da UVigo) contribuíu, dende a súa posta en marcha en 2019, á modernización e á competitividade de 120 empresas.

Así se expuxo este xoves 31 de marzo no evento de peche e divulgación de resultados desta iniciativa transfronteiriza, unha xornada na que se explicou que grazas aos recursos xerados a través da cooperación galego-lusa foi posíbel lanzar ao mercado 12 novas iniciativas empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo da Eurorrexión favorecendo, á súa vez, a xeración de emprego, o apoio a 20 empresas para desenvolver a súa competitividade empresarial a través de actividades innovadoras e a elaboración de diagnoses personalizadas de desempeño innovador a 120 empresas de Galicia e norte de Portugal con actividades relacionadas co mar.

A xornada, retransmitida vía streaming, tivo lugar na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela (GAIN) e nela contouse coa participación do catedrático de Organización de Empresas e coordinador do grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez, e a directora da Área de Servizos de GAIN, Patricia Fernández Liz.

Como explicou Vázquez, con Sherpa do Mar o que se fixo “foi tentar aproveitar todos os recursos que había, que xa eran moitos e moi capacitados”, para impulsar o emprendemento tecnolóxico, a creación de startups que engadisen ao tecido empresarial un elevado nivel de coñecemento. Os retos a afrontar foron a dixitalización e o ecoturismo, pasando pola seguridade e a rastrexabilidade (trazabilidade) alimentaria

Estes 12 proxectos empresariais lanzados ao mercado teñen en común ser proxectos emprendedores, valorizados e acelerados no programa Sherpa Journeys, de base tecnolóxica e que achegan solucións innovadoras ás necesidades actuais do ámbito mariño-marítimo. “Abranguen sectores diversos, como o acuícola, o portuario, o conserveiro ou o turístico e aplican tecnoloxías punteiras a retos como a dixitalización, o uso sustentábel de recursos, a seguridade, o ecoturismo ou a rastrexabilidade alimentaria”, apuntou a responsábel do proxecto, Andrea Ogando, investigadora do grupo Rede.

O abano de empresas que saen ao mercado baixo o selo de Sherpa do Mar son Abzu, unha plataforma de operacións portuarias baseada na tecnoloxía blockchain que permite aforrar tempo e diñeiro nas operacións portuarias de forma pioneira; ActiveAlgae, onde traballan con algas pouco comúns para empregalas na industria cosmética sempre co obxectivo de minimizar o impacto ambiental; Basemar, firma que achega unha solución para sinalizar os viveiros de mariscos, unha baliza de sinalización marítima con fondeo ecolóxico; Bima, que permite dixitalizar e modernizar a metodoloxía de traballo dos sector marítimo-pesqueiro e Bioprana, que parte dun cóctel de microorganismos que aceleran a descomposición da materia orgánica e ofrece numerosas vantaxes á industria acuícola (menor impacto ambiental, maior sustentabilidade e benestar animal…).

Amais, de cara a evitar o impacto económico e medioambiental que causan os arredor de 1.500 contedores que se funden cada ano nos mares e océanos, xurde Cobs, un dispositivo de localización instantánea que permite identificar estes contedores e evita o seu afundimento. Pola súa banda, Fish & Food Technology vai dirixida a mellorar o rastrexo e localización dos produtos da pesca, e Kersship é un novo motor propulsor para buques que permite unha maior autonomía enerxética, reduce as emisións e evita riscos de colisión.

Ademais, MytUniSex dedícase á produción intensiva de mexillón unisex todo o ano, de cara a satisfacer a demanda de mexillóns do xénero Mytilus, de gran valor comercial no mercado e moi apreciados polo consumidor. A listaxe de empresas complétase con Sailing for Science, ecoturismo mariño baseado na sustentabilidade; Subgo, iniciativa que apoiada na Realidade Virtual crea experiencias inmersivas nos fondos mariños; e ValBioSea, dirixida a avaliar o potencial das algas invasoras presentes nas costas galegas e separar os seus compostos bioactivos para que poidan ser usados na industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica sen atentar contra a biodiversidade do medio mariño.

O proxecto europeo Sherpa do Mar arrancou no verán de 2019 cun orzamento total de 997.184 € – inserido na convocatoria Poctep 2019- e nel participaron como socios, ademais da propia Universidade de Vigo, que exerceu como coordinadora: o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), as universidades de Santiago e da Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar. Unha vez rematado, desde o consorcio están a elaborar un plan de sostenibilidade no que se explorarán e valorarán diferentes opcións que poidan dar continuidade a esta iniciativa.

Outros artigos

Arrinca a campaña “De Pobra a Portosín, tapeando polo mar”

Este venres 16 de maio arrancou a iniciativa De Pobra a Portosín, tapeando polo mar, organizada polas asociacións de empresarios da Pobra e Azul de Portosín e a de hostalería de Ribeira, coa finalidade de poñer en valor os produtos do mar da zona, dinamizar o comercio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Le vi triste, bajo un árbol” – Manuel Domínguez

“Le vi triste, bajo un árbol” – Manuel Domínguez

No era un día máis Yo le vi triste, bajo un árbol, a la sombra que este le regalaba. Hacia calor, mucho calor, le compre un helado de hielo, se lo pase por la boca y lo disfrutaba. Le pregunte que se volviera conmigo, no quiso, digo que sus amigos volverían por él...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.