
O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, e o presidente do Xuventú Aguiño, Xosé Manuel Vilas, anunciaron a próxima licitación dun novo céspede artificial para o Campo da Tasca. O intención é poder sacar esta iniciativa a contratación no prazo dun mes, segundo manifestaron ambos comparecentes na citada instalación municipal deportiva este mediodía.
Xosé Manuel Vilas, que tamén é voceiro do grupo municipal socialista, recordou que este era un dos compromisos asumidos no acordo alcanzado entre esta formación e o goberno local para a
aprobación dos orzamentos de 2021. Ademais explicou que, para evitar complicacións loxísticas, a xunta directiva do club decidiu rematar alí a tempada pese aos problemas que rexistra o campo.
A este respecto o alcalde manifestou que o Concello ofreceu ao club poder utilizar os outros tres campos de herba artificial existentes no municipio (en Carreira, Oleiros e A Fieiteira), optando este por
permanecer en Aguiño.
Subsolo
Ademais, Ruiz Rivas sinalou que acudiron técnicos para efectuar catas na Tasca e localizaron a orixe das deficiencias no subsolo.
Agora, coñecedores de que o problema está no substrato, se emprenderá esta nova licitación con cargo ao remanente baixo o sistema de renting. Será a terceira dotación de herba artificial que se
fai en vinte anos no campo da Tasca, cunha inversión global próxima ao millón de euros.
O propósito é executar as obras de instalación do céspede de última xeración durante o verán, época na que se aproveitará tamén para subsanar outros carencias ou emprender melloras na instalación
municipal, por exemplo nos vestiarios ou na cuberta. Nos últimos meses estivéronse a realizar outras actuacións como o arranxo do depósito de auga, a substitución de portas dos vestiarios anexos á
estrada, areado e pintado da grada, etc.