Este luns 25 de abril, coincidindo coa chamada Revolución dos Caraveis (o levantamento militar do exército e da sociedade portuguesa contra a ditadura que gobernaba no país dende 1933: un levantamento en positivo pola paz e a democracia), celebrarase en Rianxo a oitava edición do Encontro Veciñal para Cantar Grándola (e algo máis…). Será ás 20.30 horas no Cuartel Vello de Rianxo e contarase coa presenza de Barahúnda.

Grândola, Vila Morena é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos Caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo. Ás 00:20 do día 25 de abril de 1974 a canción foi transmitida na Rádio Renascença, a emisora católica portuguesa, como sinal para confirmar as operacións da revolución (fonte: Galipedia).
