
A Xunta colaborará na recuperación da praia portuaria de Porto do Son, delimitada entre o espigón, a avenida de Galicia e o parque, mediante o fomento e consolidación das dunas e a organización de accesos ao areal a través delas.
O importe do proxecto ascende a preto de 263.000 euros, dos cales case 184.000 euros —o 70%— serán aportados polo Executivo galego e a contía restante —79.000 euros, un 30%— será achegada polo Concello.
O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, autorizou a sinatura dun convenio para a materialización desta actuación, que pretende poñer en valor preto de 4.000 m 2 da zona portuaria da vila sonense.
Os traballos consistirán na demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais, e tamén se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos da pasarela que se instalará. Os pavimentos reporanse con lousas de granito e as pasarelas remataranse en madeira de pino. Así mesmo, a actuación recolle a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, e de alumeando e de balizas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar o contrato público das obras antes deste verán, polo que as actuacións poderán iniciarse este mesmo ano.
Cómpre destacar tamén a colaboración de Portos de Galicia, administración que debe autorizar as obras por desenvolverse en terreos da súa titularidade.
Esta iniciativa é acorde ao plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego, para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.
Asemade, esta actuación do programa de equipamentos públicos dá cumprimento ao obxectivo de fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico dos concellos.