Política Lingüística e Xuventude anuncian os novos talentos gañadores de Lingua de Namorar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude anunciaron os nomes das gañadoras e gañadores da nova edición (a undécima) do certame Lingua de Namorar, que, como lembraremos, consiste en convidar á mocidade a escribir declaracións de amor en galego. Un total de 132 mozas e mozos de entre 14 a 35 anos participaron nesta convocatoria dun concurso de dinamización lingüística que novamente puxo o foco nos móbiles e en Internet.

O obxectivo do certame foi dinamizar o uso do galego e reivindicar o talento literario da mocidade a través de tres categorías, dúas delas para web e unha exclusiva para a rede social Instagram.

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foi galardoado co primeiro premio A flor baixo a neve, da ourensá Carmen Fernández Margusino; seguida do segundo traballo premiado, Amor Contraditorio, da coruñesa Lucía Paz González; e do terceiro, Desde Vilamor ata Fisterra, da tamén coruñesa Laura Sande Vázquez.

Na categoría B (de 20 a 35 anos), os galardóns recaeron en O amor de iglú, do pontevedrés Pedro Rodríguez Villar, que levou o primeiro premio; Dúas Partes que son unha da viguesa Ania Ferrera Longueira, que quedou en segundo lugar; e Filautía, da lucense Andrea López Otero, que se fixo coa terceiro recoñecemento.

Os tres primeiros premios de cada unha destas categorías levaranse un patinete eléctrico, os segundos un tocadiscos retro e os terceiros un reloxo intelixente.

Categoría Instagram

A terceira modalidade de Lingua de namorar, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, foi a dedicada á rede social Instagram, dirixida a rapazas e rapaces de 14 a 35 anos. Nesta categoría a gañadora foi Sofía Muñoz Somoza, de Cambados, coa mensaxe #Pulsión. O premio desta categoría é un patinete eléctrico, de igual xeito que os gañadores das outras dúas especialidades.

Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas pódense consultar na páxina web do concurso e nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.