O PBBI pide que se mellore o firme da rúa Manzanares, en Bandourrío, como se fixo no treito máis próximo a praza de Compostela

O Partido Independente de Barbanza (PBBI), a través do seu concelleiro e portavoz Vicente Mariño de Bricio, presentou unha moción para ser debatida en pleno na que se recollen as principais reclamacións da veciñanza do barrio de Bandourrío, en Ribeira. Estas queixas, segundo sinala a agrupación, teñen relación directa co estado no que se atopa o firme comprendido entre a rúa das Escaleiras e O Touro, un empedrado que segundo reflicte o PBBI “ten sinais de deterioro nas laxas de granito que o compoñen e que aparecen rotas, movidas ou levantadas”. E todo isto, critican, “sen que o Concello de Ribeira faga nada por evitalo e corrixilo” e malia as peticións dos veciños que requiren que se arranxe o firme o máis axiña posíbel, “antes de que ocorra unha desgraza”. O PBBI di que este problema foi a máis desde que a finais de xaneiro comezaran as obras de humanización ou semipeatonalización da rúa Romero Ortiz, o que fixo que se incrementase o tráfico no barrio, xa que os vehículos autorizados a circular por Bandourrío só poden entrar e saír polo cruzamento da rúa Manzanares coa estrada de O Touro”.

Vista do parque Pedra Pateira en Bandourrío

O PBBI di que os veciños reclaman que o Concello de Ribeira “acometa a substitución do mesmo por outro de formigón con franxas de laxas de granito intercaladas como xa fixo en 2020 e 2021 na parte inicial da rúa, entre a praza e Compostela a rúa das Escaleiras, e que deste xeito se apliquen os medios para evitar o seu rápido deterioro”. A cidadanía, co apoio da agrupación local, pide que “mentres non leva a cabo esa intervención, sexan reparadas e recolocadas as laxas de granito rotas, movidas e levantadas”.

O PBBI tamén inclúe na moción as reclamacións da mocidade de Ribeira respecto da pista de baloncesto ao aire libre do parque de Pedra Pateira, tamén en Bandourrío, e que, segundo fixeron saber, “presenta bastantes deficiencias, como a falta de iluminación artificial, pois no inverno case non poden facer uso da mesma debido a que ao saír dos colexios e institutos xa é practicamente de noite”. Tamén reclaman que se arranxen os danos que presenta o peche perimetral de rede metálica e que se instalen portas ou algún que outro elemento de seguridade que impida a entrada ou saída directa da xente e que os balóns se saian do recinto e acaben na estrada, supondo un perigo no caso de que alguén salga correndo detrás delas”. Outra das demandas é a marcación das liñas da pista de baloncesto e o arranxo das canastras. A mocidade tamén suxire a instalación dunha cuberta para que se poida seguir utilizando en días de choiva outras adversas condicións meteorolóxicas.